Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Buscando lugares míticos de Troia en Galicia

A onomástica na poesía profana galego-portuguesa é outro dos temas que foi obxecto de análise na VII Xornada de Onomástica Galega, organizada pola RAG. O profesor da Universidade de Vigo Xosé Bieito Arias demostrou “o importante papel” dos nomes propios nesta lírica medieval, que atinxe desde a identificación autorial á edición crítica e á interpretación das cantigas, e referirase ademais á funcionalidade poética dos nomes. Entre outros aspectos, detivose no valor dos alcumes nas cantigas de escarnio e maldizer, con exemplos como os versos do trobador Lopo Lias dedicados a unha familia de fidalgos da terra de Lemos que andaban moi mal arranxados. “O alcume zevroes atribuído a eses cabaleiros non pode ser máis acertado, porque os fidalgos eran á nobreza o que os zebros ou cabalos bravos que andan e dormen no monte serían a un cabalo alazán ben coidado”, explica.

A profesora Helena de Carlos afondou noutra manifestación literaria do medievo, a chamada materia de Troia, unha das grandes tramas narrativas da Europa Occidental que ten como orixe última a Grecia arcaica. Nas letras galegas, estas lendas quedaron recollida nunha obra fundamental, a Crónica troiana, unha destacadísima fonte de onomástica literaria. A filóloga suxeriu que unha certa abundancia de lendas que poñen en relación retornos de heroes da guerra de Troia a lugares da Gallaecia, como é o caso de Teucro, podería estar relacionada coa xeografía galega e a súa condición de extremo último, de Occidente, “de paraxes que se debruzan no océano, lugares relacionados coa morte, en suma”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.