Chegou a Galicia hai vinte anos sen falar galego e cun dominio do castelán que, como recoñece agora, estaba lonxe do que pensaba. Hoxe, Deirdre Barry Murphy, profesora de inglés e xefa de estudos na Escola Oficial de Idiomas da Coruña, utiliza o galego no seu día a día profesional e persoal, e asegura que fala máis esta lingua ca o castelán. A súa historia como neofalante estranxeira é tamén unha reflexión sobre as políticas lingüísticas, a educación e o valor simbólico das linguas minorizadas.
Deirdre criouse en Irlanda, pero reside na Coruña con dúas fillas galego-irlandesas. A súa primeira toma de contacto coa lingua galega chegou da man dun requisito: “Foi grazas a esa palabra que a xente di e odio: A ‘imposición’ do galego para presentarse ás oposicións. Grazas a iso eu comecei a aprendelo”, explica. Ese empurrón inicial levouna a participar nun curso de verán intensivo, onde, cunha actitude moi positiva, asegura que aprendeu máis galego en seis semanas que castelán en seis anos.
A superación das oposicións levouna a dar clase en Muros, onde o galego se converteu nunha ferramenta habitual de traballo. “Alí falaba moitísimo galego”, lembra. Porén, o seu paso á cidade da Coruña supuxo un cambio: “Chocoume que no instituto da Coruña onde comecei a traballar non se falase galego entre o profesorado. Era o ano 2010, e para min foi un contraste”.
Como nai, tamén viviu as limitacións da política lingüística na educación: “Sorprendeume que na cidade non houbese opción de inmersión lingüística en galego, como temos en Irlanda coas gaelscoileanna. É difícil atopar docencia en galego nos centros urbanos, sobre todo en infantil e primaria, onde o nivel da lingua é baixísimo”.
Deirdre compara a situación galega coa irlandesa, onde o gaélico estivo a piques de desaparecer, mais se está a recuperar grazas ao ensino e a iniciativas culturais: “En Irlanda temos listas de espera para as escolas en gaélico. Aquí parece que estamos cincuenta anos por detrás do que xa pasou alí, e dáme medo que rematemos igual. Cando se perden os falantes, é moi difícil recuperalos”.
A súa experiencia como docente e xefa de estudos tamén lle permite observar reaccións diversas ante o uso do galego. A maioría son positivas, pero recoñece que ás veces o seu acento estranxeiro sorprende ao alumnado ou ao público que acode ao seu despacho: “Hai quen chega enfadado e lles molesta que lles atenda unha estranxeira. Outras veces, só por escoitar o meu acento, pásanme directamente ao inglés, mesmo que eu lles fale en galego. A situación pode ser surrealista”.
Na súa vida persoal, Deirdre mantén o contacto coa cultura galega a través da música, os deberes das súas fillas ou os clubs de lectura da Escola Oficial de Idiomas, onde adoita ler libros en inglés ou en galego. “Axúdame a repasar estruturas, a ampliar vocabulario… e tamén a conectar máis coa xente. Para min, falar galego é unha mostra de cariño cara á terra onde vivimos“, afirma.
A pesar de que recoñece as diferenzas fonéticas e estruturais entre o galego e o irlandés ou o inglés, considera que para unha persoa castelanfalante aprender galego é perfectamente accesible. E anima a todo o mundo, tanto galegos coma estranxeiros, a matricularse nas clases de galego que se ofertan na propia Escola Oficial de Idiomas: “Son cursos de iniciación abertos para xente de Galicia, de España e de todo o mundo”.
Deirdre cre firmemente que os traballadores públicos deben falar galego, como cuestión de respecto: “Se montas unha empresa privada, podes escoller a lingua coa que traballas. Pero se estás de cara ao público, na administración, é unha obriga moral. Para min é unha cuestión de respecto”.
E engade: “Cantos máis idiomas falemos, mellor. Eu mesma teño o compromiso persoal de, se algún día volto a Irlanda para xubilarme, aprender ben o gaélico. É unha forma de recuperar e manter viva a identidade”. O mesmo que, sen ser galega de nacemento, leva facendo co galego dende hai vinte anos.