Ver o galego como unha oportunidade comercial, avanzar na regulamentación do etiquetado do produto na nosa lingua e promover programas de xestión empresarial en galego son algunhas das medidas concretas que se abordaron no marco da xornada “Empresa, turismo e deporte”, coordinada por Jackson R. Soáres, profesor da Universidade da Coruña. É a quinta sesión de Un país coa súa lingua. Foro participativo que promove o Consello da Cultura Galega (CCG) e que pilota Dolores Vilavedra. Priorizar o galego nas accións turísticas e nas comunicacións públicas da actividade deportiva federada son outras das medidas que se apuntaron na sesión.
Xosé Lois Lamazares, responsable da empresa Daveiga, abriu a sesión explicando o seu modelo de emprendemento sostible e comprometido co rural galego a través das galletas Mariñeiras. Na súa intervención, destacou que “nós usamos o galego tanto a nivel interno, como no etiquetado e tamén a nivel comercial, pero atopamos numerosos atrancos nos servizos que non dependen de nós, como son as notarías, asesorías ou xestorías, entre outras empresas auxiliares”. Demandou que eses servizos poidan estar dispoñibles en galego “sen sobrecusto adicional” para as empresas que os queren empregar.
No ámbito do turismo, Fátima Rodríguez Figueiras, destacada polo seu labor como consultora en Promove, unha firma especializada en estratexias de desenvolvemento territorial e innovación social, puxo como exemplo dúas propostas turísticas (Contos do mar e Rutas ficcionadas) vencelladas ao territorio e ao idioma galego, desenvolvidas na comarca de Bergantiños e na Costa da Morte. “Cómpre romper con dinámicas de mirar cara a fóra e ollar para os referentes máis próximos”, apuntou.

Galego e deporte
Mercé Barrientos, que combina a excelencia deportiva no taekwondo cunha sólida traxectoria como docente e referente na formación e motivación da mocidade, demandou campañas para a normalización do galego no deporte federado, así como que todas as iniciativas de iniciación deportiva lúdica se desenvolvan exclusivamente en galego. Outras das medidas que propuxo foron: a creación de mascotas de proxectos deportivos e federativos que falen en galego e conecten coa mocidade; orientar as competicións deportivas a estreitar lazos coa lusofonía; establecer a obrigatoriedade do uso do galego en todas as comunicacións do deporte federado; e promover a normalización lingüística na Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte, así como nas titulacións federativas.
No diálogo estruturado facilitado pola cooperativa Rexenerando, Pepe Formoso explicou o proxecto do Hotel Bela Muxía, cunha forte aposta polo turismo con raíces e identidade. Pola súa banda, Rosana Prieto Florines, guía de turismo en Galsentur, falou das actividades de turismo receptivo e experiencias auténticas que desenvolven; e Adrián Dios, presidente do club de baloncesto ADB Fontiñas, explicou as iniciativas de dinamización social no eido do baloncesto. Silvia Carregal, xornalista deportiva e directora do medio As Nosas, compartiu a súa experiencia na visibilización do deporte feminino.
Galego e economía social
Xunto a eles, Óscar Senra, integrante de MAOS Innovación Social, destacou as accións deste colectivo que promove novas formas de organización e economía transformadora. Emi Candal, responsable da cooperativa Urdime, que leva anos impulsando proxectos culturais e educativos desde o cooperativismo, ao demandar programas de contabilidade, xestión de persoal e, en xeral, todos os que teñen que ver coa xestión empresarial, en galego, para poder desenvolver a súa actividade. Tamén reclamou “campañas e acompañamento económico que garantan que isto se faga desde as administracións competentes”. Tamén participou Pedro Boquete, director executivo da marca Deleite, que perfilou o seu modelo empresarial como símbolo de renovación e val