O investigador do ILG da USC Xulio Sousa e as profesoras da Facultade de Matemáticas e investigadoras do CITMAga María José Ginzo Villamayor e Rosa Crujeiras acaban de publicar un artigo na revista Names: A Journal of Onomastics que axuda a desvelar as conexións entre os apelidos, a variación dialectal e a organización histórica de Galicia. O traballo ‘Surname Distribution in Galicia: Population Structure, Dialects, and History’ parte da análise da frecuencia e distribución territorial de 6.150 apelidos, coidadosamente seleccionados a partir do censo de Galicia de 2011, co obxectivo de identificar rexións onomásticas que permitan comprender os vínculos entre a poboación actual e procesos históricos pasados. Na investigación aplicouse o exame da isonimia da poboación galega (a frecuencia de repetición dos apelidos) combinado con métodos de análise estatística multivariante e agrupamento xerárquico. Vía USC.