A Real Academia Galega presentou a nova edición da súa ‘Guía de Apelidos Galegos’, na que se destaca que un 16 % dos apelidos de Galicia foron castelanizados ao longo do tempo. O anuncio realizouse durante unha rolda de prensa na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, coa participación da coordinadora da guía, Ana Boullón, e do presidente da institución, Víctor F. Freixanes.
Segundo indicaron os responsables do proxecto, entre os apelidos afectados atópanse algúns dos máis frecuentes, o que incrementa a súa “visibilidade social”. Un exemplo destacado é Otero, rexistrado en 40.000 casos na súa forma castelanizada, fronte a tan só 300 inscricións do seu equivalente galego, Outeiro.
A académica Ana Boullón recordou que a Lei do Rexistro Civil de 1999 permite solicitar a restitución dos apelidos galegos á súa forma orixinal, un proceso que pode xestionarse a través dos rexistros civís. Co obxectivo de facilitar este trámite, a nova guía incorpora un informe específico sobre o procedemento de recuperación.
A publicación inclúe 6.000 apelidos, abarcando case o 95 % da poboación galega, fronte aos 1.500 da edición anterior, publicada en 2016. Ademais, conta cun buscador en liña que permite consultar a base de datos de apelidos de forma accesible.
Un proceso iniciado no século XVI
Durante a presentación, a RAG explicou que os apelidos galegos teñen unha orixe medieval, baseada en tres grandes categorías: patronímicos (derivados de nomes de persoa, como Méndez), toponímicos (ligados a lugares, como Pazos) e de oficio ou profesión (como Ferreiro).
A castelanización dos apelidos intensificouse a partir do século XVI, cando a lingua galega foi desprazada do ámbito escrito. Segundo a RAG, os rexistros relixiosos e civís xogaron un papel clave neste proceso, que afectou primeiro aos nomes e posteriormente aos apelidos. En moitos casos, a transformación dependía do escribinte ou da institución responsable. Municipios como Tui foron especialmente activos na adaptación dos apelidos ao castelán.
2 Comenta
Seoane que % tiene de gallego?
Qué % tiene Seoane de gallego?
Saludos
David M. Sobrino Platas
Ola! O apelido Seoane efectivamente ten orixe galega. Vén da forma galega San Iohannes. Podes consultar máis detalles no Dicionario de Apelidos Galegos (Boullón Agrelo, 2004), editado polo Intituto da Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega, ou no libro ‘El gran libro de los apellidos’, de Josep María Albaigès i Olivart