Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O ensino galego reclama unha reforma lingüística e apoia a manifestación do 23F

Representantes de sindicatos, confederacións de ANPAs e movementos de renovación pedagóxica reuníronse este mércores en Santiago de Compostela para expresar a súa inquietude sobre a situación do galego no ensino. Os colectivos consideran que a lingua está nunha situación preocupante, pero insisten en que “todo é reversíbel se se activan todas as ferramentas sociais e políticas necesarias”.

Na rolda de prensa, mostraron o seu apoio á mobilización convocada para o 23 de febreiro pola plataforma Queremos Galego, na que se reclamará a derrogación do Decreto 79/2010, coñecido como Decreto do Plurilingüismo. Segundo explicaron, esta normativa limitou a presenza do galego nas aulas, reducindo o seu uso a un terzo do currículo e impedindo a súa impartición en materias clave como matemáticas ou física e química.

Os colectivos educativos lembraron que o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado en 2004, establecía un modelo que buscaba un equilibrio real entre galego e castelán no ensino. Porén, denuncian que a aplicación do decreto actual xerou un “rexeitamento profundo” e tivo consecuencias negativas dende os seus primeiros anos.

A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, foi a encargada de ler o manifesto conxunto, onde se reclama unha revisión da normativa lingüística no ensino galego e a aplicación de medidas que garantan o dereito do alumnado a estudar en galego en todas as materias. Así mesmo, os colectivos reclaman que a Xunta cumpra cos requirimentos do Consello de Europa en materia de protección das linguas minorizadas.

O acto contou coa presenza de representantes de Queremos Galego, Anpas Galegas, A Mesa, AS-PG, CIG Ensino, CONFAPA, CSIF Ensino, CCOO Ensino, NEG, Semente e Erguer, entre outras organizacións. Todas elas insistiron en que é fundamental a mobilización social para conseguir cambios efectivos na política lingüística da educación en Galicia.

A manifestación do 23 de febreiro en Santiago de Compostela aspira a converterse nunha gran convocatoria cidadá para reclamar un ensino que garanta o futuro do galego e reverter a perda progresiva da súa presenza nas aulas.

Máis información en Xornal de Compostela

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.