Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Manuel: un madrileño en Ferrol que fixo do galego a súa lingua de acollida

Manuel, natural de Madrid e residente en Ferrol desde hai preto de catro anos, é un dos moitos exemplos de neofalantes que deciden incorporar o galego ao seu día a día como forma de integración, interese cultural e compromiso persoal coa lingua do país que os acolle. “Cando cheguei a Ferrol non coñecía a ninguén, e pensei que aprender a lingua sería unha boa maneira de adaptarme”, conta.

A súa historia comezou como unha actividade de ocio, mais axiña se converteu nun proxecto de aprendizaxe serio: “Apunteime á Escola Oficial de Idiomas. Ao principio era por pasar o tempo, pero cada vez interesábame máis”. Hoxe cursa o nivel C1 e asegura que “progresa adecuadamente”, segundo os seus docentes.

Do castelán ao galego, con curiosidade e sen medo

Manuel asegura que nunca tivo medo de falar mal ou cometer erros: “Sempre me boto á piscina”, recoñece. Aínda que destaca algúns desafíos —como os verbos compostos, que “non existen en galego como en castelán”, ou expresións sen equivalente directo—, afirma que aprender galego é doado para quen fala castelán.

Con todo, lamenta a escasa presenza da lingua nas rúas de Ferrol: “Foi unha desilusión. A maioría da xente respóndeme en castelán, pero hai quen agradece que lle falen en galego e até cambian de lingua”. Manuel considera que o seu esforzo tamén axuda a visibilizar a lingua, sobre todo entre os que a dan por descoñecida ou pouco útil.

A lectura, a radio e o monte

A súa inmersión na lingua vai máis alá da aula. Na casa, escoita sempre a Radio Galega, segue contidos dixitais como o Dígocho Eu e mergúllase na literatura galega grazas ás recomendacións do profesorado. “O meu descubrimento foi a literatura galega. Empecei por cousas sinxelas, agora leo de todo, mesmo libros anteriores á normalización”.

Aínda que confesa que ás veces recorre ao dicionario para palabras antigas ou dialectais, xa se sente cómodo lendo sen necesidade de consultar constantemente: “Cheguei ao punto de que podo ler sen parar cada pouco”.

Ademais, participa activamente na vida local: forma parte dun club de montaña, onde se sinte cada vez máis integrado: “Os meus compañeiros xa me din que son un galego adoptado”, di entre risas.

Unha mensaxe para outros neofalantes

Manuel insiste en que non hai idade nin orixe para aprender galego: “Aprender sempre está ben. E se esta é a terra que nos acolle, cómpre tamén acoller a súa lingua”. Por iso anima a outras persoas, tamén de fóra, a dar o paso: “É a única maneira de revitalizar a lingua. Se a xente nova non a fala, temos que sumar nós tamén”.

E conclúe cun dito que para el define o espírito do seu camiño como neofalante: “Tal terra andar, tal pan comer”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.