A Fundación Rosalía de Castro quere conmemorar o 23 de febreiro, Día de Rosalía (recén cambiado pola descuberta do día do seu nacemento), chamando á lectura dos seus textos e á participación no Caldo de Gloria e na Alborada para Rosalía.
CALDO DA GLORIA
Ao Caldo de Gloria xa se sumaron máis de 130 locais hostaleiros e máis de 60 comedores escolares, ademais de concellos e empresas de toda a xeografía galega. Trátase dunha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Comezou a realizarse con éxito en 2017, cun seguimento masivo en Padrón, e en 2018 xa se converteu nun evento seguido a nivel galego.
Nesta sexta edición, o encargado de preparar o Caldo de Gloria na Casa-Museo será o cociñeiro Xoanqui Ameixeiras, que protagoniza o programa da TVG ‘Estache bo’. Sen embargo, por mor da Covid, non estará aberto ao público, pero gravarase en vídeo para que se coñeza a súa versión deste prato. En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas.
Este ano a iniciativa prosegue coa súa expansión polo país e máis alá, coa participación masiva da hostalería de Padrón e doutras localidades como Santiago de Compostela, Teo, Celanova ou Portonovo. Tamén se unen a esta proposta, alén de entidades como Raigame, a Asociación de Hostelería de Santiago ou a Fundación Curros Enríquez de Celanova.
ALBORADA DE ROSALÍA
Este ano volverase a celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, ao igual que se fixera en 2013, en 2019 e en 2020. A “Alborada de Rosalía” é unha peza musical escrita pola propia poeta, polo que dende a Fundación Rosalía de Castro fan un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras e demais músicos de Galicia para dar unha alborada de gloria na súa honra.