Cunha bagaxe familiar transoceánica, Luz Darriba mantén a lingua herdada do seu pai na súa volta a Lugo dende Uruguai. Mantén, do mesmo xeito, o brillar e resplandor do sol latino. Toda unha sinerxia de culturas, como a que lle vén á cabeza ao escoitar “levedar”. Dende o seu compromiso co feminismo e o mantemento dunha perspectiva de xénero, Darriba adica a súa vida á arte a través de diferentes formatos e metodoloxías: exposicións, charlas de tecidos asociativos, escritura… En todo, unha constante: a lingua galega.
Collendo prestadas as verbas de Rosalía ou Castelao, Darriba anima a todo o mundo a usar o galego, algo tan “fundamental” como estar en Suecia ou Francia e usar o idioma propio. Para ela, xa co certificado do CELGA 4 na man, a mellor forma de aprender e entrenar o galego está na lectura, para ela foi Marica Campo unha das emisoras de verbas que “vive o galego”. Tes ti algunha escritora ou escritor de referencia?