Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

(VÍDEO) Juan Carlos, neofalante de Córdoba, Arxentina: “Os nenos non queren falar galego, e iso é un problema”

Juan Carlos é arxentino, oriúndo de Córdoba, pero vive e traballa en Foz, onde rexenta unha casa de turismo rural e tamén exerce de guía en Finca Galea. O seu contacto co galego foi medrando pouco a pouco ata que decidiu dar o paso de aprender a lingua e convertela en parte do seu día a día.

“Facer o curso de neofalantes con Bernardo Penabade foi unha marabilla”, comenta. A súa motivación para aprender o idioma xurdiu tanto pola súa integración persoal como polo seu traballo: “Recibo visitantes en épocas moi concretas do ano e era case fundamental falar un pouco de galego“.

O seu día a día como guía turístico levouno a observar unha realidade que lle preocupa: o rexeitamento da lingua entre os máis novos. “Vexo nenos pequenos, de oito ou dez anos, que non queren falar galego”, explica. “Veñen excursións de escolas de primaria e todos falan castelán”. A situación repítese en diferentes contextos, e as mestras coas que fala non saben como cambiala: “Dinnos que non saben que facer para que o falen máis“.

A pesar disto, considera que a solución está clara: hai que traballar coa infancia. “É fundamental, porque Galicia seguirá sendo deles mañá”, subliña.

 

Ver esta publicación en Instagram

 

Una publicación compartida de Neofalantes (@neofalantes)

“Digo que son galego, pero non mo cren”

A implicación de Juan Carlos coa lingua galega lévao a sentirse parte da comunidade. “Eu sempre digo son galego, pero claro, ninguén mo cre porque son arxentino“, comenta con humor. Con todo, asegura que a reacción da xente é positiva: “Aparte das bromas, todos sinten unha consideración e un agradecemento por intentalo“.

No curso de neofalantes no que participa atopou unha gran diversidade de persoas que están na mesma situación. “Hai brasileiros, polacos, rumanos e moita xente de Madrid. A todos pásalles o mesmo”, destaca.

Na súa experiencia de aprendizaxe levouno a destacar o labor do profesor Bernardo Penabade. “É un mestre incrible, entregado totalmente“, afirma. As clases presenciais son os sábados, pero durante a semana o grupo tamén se reúne de forma online para practicar a través de lectura e conversación.

O ambiente de aprendizaxe é clave para el: “Aprender divertíndose é un plus, un empurrón máis para querer ir e practicar“.

O galego como porta de entrada á comunidade

Juan Carlos destaca que o galego é moito máis ca unha ferramenta de comunicación: é un lazo social que favorece a integración. “O feito de falar galego permíteme un achegamento máis sincero e máis auténtico coa xente“, asegura. “Poder falar a lingua do lugar é fundamental, porque a comunicación é clave no ser humano“.

A súa experiencia tamén lle permite ver a pegada galega no seu país de orixe: “A comunidade galega en Arxentina é enorme“, explica. “Non só se fala a lingua, tamén se tocan a pandeireta e o pandeiro, báilase a muiñeira… faise todo!“.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.