Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Henrique Monteagudo: “O papel castelanizador da escola dáse non só na aula, senón tamén nas relacións entre pares”

Henrique Monteagudo, unha das voces máis recoñecidas na sociolingüística galega, é profesor da Universidade de Santiago de Compostela, foi secretario do Consello da Cultura Galega e é membro da Real Academia Galega. Monteagudo leva décadas estudando a evolución do galego e analizando os retos da súa normalización. A súa traxectoria académica e investigadora abrangue dende a historia social da lingua ata o impacto das políticas lingüísticas, sendo unha referencia indispensable no debate sobre o futuro do galego.

Monteagudo afonda connosco na situación actual do idioma, os efectos das políticas educativas, o papel das institucións e a importancia de crear novos espazos de uso para o galego, especialmente entre a mocidade e no ámbito educativo.

A grandes rasgos, como definirías ti a situación da lingua galega neste momento? Cales cres que son os factores que a levaron a este estado?

Creo que o que nos amosan os datos estatísticos que se van recollendo é unha evolución cada vez máis rápida do bilingüismo sustitutivo. En lugar de estarmos camiñando cara unha sociedade máis igualitaria no plano lingüístico, na que o galego teña o papel que lle atribúen as leis e que a sociedade galega quere, normal e presente na vida social e en todos os ámbitos e que teña garantido un futuro digno, estamos vendo que un proceso de substitución lingüística, que é histórico e que avanzou moito no século XX.
Máis ou menos fora xa ralentizada antes de finais do século XX, pero agora está avanzando a un ritmo moi rápido, que nos está colocando moi rápido nun punto de inflexión, nun punto de colapso, no que cada vez máis vai ser máis difícil reverter a tendencia.
Un dos principais axentes castelanizadores e responsables da substitución lingüística é a escola.
 
Evidentemente, eu seino porque ensino. Así como pode ser unha ferramenta moi necesaria e imprescindible para reverter a situación do galego e colocalo no camiño da normalización tamén pode xogar o papel contrario.
Non quere dicir que o ensino poida resolver todos os problemas sociais do idioma. Niso hai que ser claro. Entre outras razóns, porque é un ámbito no que os poderes públicos poden traballar dunha maneira máis directa e é un ámbito no que, dende a infancia e a mocidade, pásase unha partísima da vida.
O que estamos vendo é que de todos os xeitos cando falamos do ensino temos que poñer o foco non só no uso do galego como lingua vehicular ao ensino, coa utilización do galego para transmitir coñecementos na aula, senón tamén no ensino como ámbito de socialización da infancia e da mocidade.
No momento en que un rapaz se integra nunha escola infantil ou nun instituto de ensino medio, cando chega alí non só recibe os coñecementos, senón que socializan. Crean unha rede de relacións sociais. Entón o papel castelanizador non se só no ámbito da aula, tamén nas relacións que chamamos entre pares. E este é un terreo moito máis difícil de abordar.
Pódense tomar iniciativas que favorezan que o rapaz ou a rapaza galegofalante que se integra nun centro de ensino se atope condicións en que pode desenvolverse en galego sen sentirse sinalado nin un bicho raro.
Que impacto cres que ten neste sentido o Decreto do Plurilingüismo?
Claramente tivo un impacto negativo, como era de esperar e como xa se dixo cando se aprobou, hai institucións que teñen palabra nisto como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e o propio sector do profesorado e xa dixeron que o que ía a producir era un impacto negativo. Pero o decreto non foi pernicioso soamente polo carácter restritivo que ten cara o galego… Nun sistema educativo no que non se pode usar o galego nas materias de ciencias, senón polo discurso social que acompañou. Un discurso absolutamente negativo para o galego… De imposición do galego, de liberdade de lingua… Que era entendida como a contraposta á normalización lingüística.
Outras propostas que máis se debate é a actualización do Plan Xeral de Normalización Lingüística. Que aspectos fundamentais cres ti que se poderían mellorar?
 
O Plan Xeral é importantísimo, pero se non hai un discurso social que o arroupe tampouco se vai conseguir en moito tempo, cando se trata de normas ou de propostas. Tense que ver que hai un arropamento político nas autoridades deste país… Non só no goberno galego. Nos Concellos, nas Deputacións… Están detrás diso, están comprometidos con isto e están lanzando unha mensaxe en positivo cara o galego, unha mensaxe que alerta á cidadanía de que a perda do galego sería unha perda moi grande para este país e que o mantemento do galego é un patrimonio importantísimo. Entón, discursos en positivo para a lingua, que teñen que proceder sobre todo dos responsables políticos.
A vinculación do galego a ámbitos lúdicos e dixitais parece que é unha das principais parece que pode atraer ás novas xeracións. Que medidas cres ti que están a funcionar neste colectivo? Hai que ter en conta que as xeracións novas van ser clave.
 
O que vexo eu é un gran baleiro de iniciativas. Eu teño publicado un estudo con Hakan Casares sobre o uso do galego na mocidade. E é mínimo. E por parte da Xunta hai un estudo recente sobre este tema que non toca o tema da lingua. Non aparece o galego nese estudo. Isto denota o grao de descompromiso co galego. Estás facendo un estudo sobre o uso das redes sociais na mocidade e non introduces o factor lingüístico. Iso quere dicir que a lingua non che parece algo relevante.
A verdade é que iniciativas moitas non coñezo, pero paréceme en todo caso insuficientes. Necesarias, pero insuficientes.
Dentro dos ámbitos nos que tes traballado: Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega… Que papel cres que deberían xogar estas institucións e como pensas que poden fomentar mellor a normalización lingüística e implicar nela á sociedade galega?
 
Eu creo que son institucións que teñen un papel no fomento da investigación sobre o galego, e isto paréceme unha cousa moi importante, no lanzamento de ideas e de propostas. Creo que deben ter unha actitude de control dos poderes públicos e de avaliación das políticas públicas sobre o galego, e tamén de elaboración de propostas e iniciativas. Temos que ter un aspecto crítico, de vixiancia, e un aspecto máis propositivo, propoñendo á sociedade iniciativas e camiños.
Falabamos da relacións entre a rapazada, da acción política, das institucións… Pero que importancia cres ti que ten o profesorado?
 
Ten un papel absolutamente importante. E sobre todo tamén coas familias. Se ti colles os estudos sociolingüísticos, ti ves que o profesorado é a profesión con que a xente ten unha certa relación, como profesión socialmente presente, que máis ten influído na castelanización. Colle por exemplo os traballos de… “Falas galego/castelán/as dúas? No comercio, no banco, co profesorado…” O peor dos datos é co profesorado. Isto quere dicir que o profesorado xogou historicamente un papel moi negativo. Isto dáse moito cando pais e nais van falar co profesorado.
Por tanto, o profesorado, tanto para o estudantado como para as familias, ensina moito máis da materia que dá e explica na aula. Nas súas actitudes, cos seus comportamentos, coas súas condutas… Está transmitindo valores ao conxunto da sociedade. E é unha guía para a sociedade, para iso somos os profesores. O papel que nos toca é ese e temos que ser conscientes diso. Tamén a súa actitude e comportamento lingüísticos son moi relevantes na aula e fóra dela.
Logo evidentemente para desenvolver o seu traballo en galego, o profesorado das distintas materias o que precisa son formación e recursos.
Se pensamos na pobreza de recursos que existen para o ensino infantil en galego é aterrador e inexplicable. Entón hai que crear recursos pensando no profesorado, formar ao profesorado.
Os profesores e profesoras non saben como xestionar o multilingüismo, non teñen orientacións. Precisan formación, recursos, un marco normativo claro.
O profesora si tivo formación en lingua, pero máis orientado á súa forma, á gramática… Non ao que diríamos como desenvolvemento do seu labor profesional nun contexto bilingüismo diglósico cada vez máis plurilingüe tamén por outras linguas. Necesitan saber como xestionar esa diversidade lingüísticas e como facelo na aula a favor do galego. Non en contra del.
E por suposto fai falta tamén un compromiso do profesorado.
Porque hai algún que non o terá…
Non digo nada. Mellor calo…

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.