Brazolinda é un proxecto nacido en 2014 da man de Irimia e doutros creadores con formación en ciencias e humanidades que decidiron poñer en práctica a súa experiencia como xogadores e como nais e pais. A súa proposta: deseñar xogos de mesa en galego que poidan compartir persoas de diferentes idades, co obxectivo de aprender, crear lazos e normalizar o uso do galego no ámbito do lecer.
“Son galegofalante dende pequena e sempre tiven claro que quería facer a miña vida en galego, tamén a profesional”, explica Irimia. Para ela, o feito de que os xogos estean en galego non é un fin, senón un punto de partida natural. “A lingua está en todos os xogos, dalgún xeito: nas instrucións, nas caixas, ou no propio contido do xogo. Iso fai que, sen decatarse, os nenos e nenas xoguen en galego”.

Un catálogo que medra cada ano
Brazolinda conta con máis de 20 xogos no seu catálogo, todos de creación propia. As temáticas son diversas e abranguen dende as matemáticas ou a expresión oral, ata a física cuántica, a mitoloxía galega, o patrimonio ou os feitos históricos reais, como no caso do xogo baseado no naufraxio do Santa Isabel na illa de Sálvora.
“Escollemos as temáticas por interese persoal, e tamén pensando no que queremos transmitir aos nosos fillos”, explica Irimia. “Cremos que a lingua non debe quedar relegada á aula de galego, senón que pode estar tamén presente cando xogas a un xogo de cálculo mental ou cando aprendes sobre catástrofes naturais”.

Normalizar sen impoñer: o galego como lingua que ‘fala coma min’
O impacto destes xogos vai máis alá da aprendizaxe formal. Irimia relata como unha nena de tres anos que nunca falara galego acababa dicindo “os grelos están sementados” logo de xogar ao Xogo da veiga, un xogo no que se cultiva unha horta. “Moitas veces é o único contacto co galego que teñen ao longo do día”, comenta Irimia. Recorda tamén con agarimo a reacción dunha nena galegofalante: “Este xogo fala coma min”.
Para ela, esta é a verdadeira clave da normalización lingüística: “Se xogas en galego sen decatarte, estás aprendendo e creando memoria afectiva positiva arredor da lingua. E cando o xogo é divertido, non hai rexeitamento”.
Este ano 2025, Brazolinda foi un dos proxectos recoñecidos nos Premios Mil Primaveras, que valoran iniciativas de promoción da lingua galega. Tamén recibiron galardóns como o Premio Manuel Beiras de Santiago e o Rosalía de Castro da Deputación da Coruña.
“Estes premios son un impulso enorme”, afirma Irimia. “Moitas veces temos a sensación de estar traballando como formiguiñas, pouco a pouco, e ver que o noso traballo chega a máis xente e que hai interese polo que facemos é moi emocionante”.
Máis xogos e máis galego
A pesar da boa acollida, Irimia recoñece os desafíos que afronta a lingua galega, especialmente no ámbito educativo. “Vemos que hai centros nos que o galego se vai perdendo, sobre todo porque o profesorado novo xa non vén sensibilizado dende a universidade”, advirte.
Aínda así, dende Brazolinda manteñen a esperanza e o compromiso. “Imos seguir creando xogos, por moito que leve tempo e recursos. E mentres haxa nenos que xoguen e digan ‘este xogo fala coma min’, o camiño paga a pena”.