Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Como podo restituír ao galego o meu apelido castelanizado? A Facultade de Filoloxía da USC presenta unha web para facilitar o proceso

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) presentará este xoves 13 de febreiro, ás 12:00 horas, no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía, unha nova plataforma web que ofrece información detallada sobre o proceso para restituír os apelidos galegos que foron castelanizados ao longo da historia. O proxecto, impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, conta co apoio técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC e a colaboración do grupo de investigación en Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación.

O acto de presentación contará coa participación do vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo, e da vicedecana da Facultade de Filoloxía, Elsa González Álvarez.

A páxina web ofrece un buscador cos 6.000 apelidos máis frecuentes en Galicia, permitindo comprobar se un apelido ten orixe galega e cal é a súa forma correcta. Moitos apelidos que hoxe presentan aparencia castelá son, en realidade, formas deturpadas por procesos históricos que alteraron a súa grafía para adaptala ao castelán.

A castelanización dos apelidos galegos intensificouse a partir do século XVI, cando o castelán substituíu ao galego na documentación oficial e nos rexistros civís e eclesiásticos. Esta tendencia provocou a transformación de moitos apelidos, ben por traduccións directas (como “Monteiro” que pasou a “Montero”), ou por alteracións fonéticas e ortográficas (“Outeiro” convertido en “Otero”, “Seixo” en “Seijas” ou “Saiáns” en “Sayanes”).

A iniciativa pretende informar a cidadanía sobre o dereito a recuperar a forma orixinal dos seus apelidos, un proceso amparado pola Lei 20/2011 do Rexistro Civil, que permite solicitar a regularización ortográfica dos apelidos de maneira gratuíta e sen necesidade de xustificación previa.

Como solicitar a restitución do apelido

O portal web inclúe unha guía detallada cos pasos para modificar os apelidos no Rexistro Civil, que inclúe:

  1. Consultar a forma galega correcta do apelido no buscador da web ou solicitar un informe á Real Academia Galega (RAG) no caso de que non figure na base de datos.
  2. Solicitar unha certificación literal de nacemento no Rexistro Civil ou Xulgado de Paz correspondente.
  3. Presentar unha instancia no Rexistro Civil, solicitando a regularización ortográfica do apelido conforme á normativa vixente.
  4. Actualizar os documentos oficiais unha vez aprobada a modificación (DNI, pasaporte, carné de conducir, etc.).

A campaña ‘As cousas polo seu nome’, que acompaña o lanzamento da web, pretende difundir este dereito e concienciar á sociedade galega sobre a importancia de preservar a súa identidade lingüística.

A creación desta plataforma enmárcase nas accións de normalización lingüística da USC, orientadas a visibilizar e recuperar o patrimonio onomástico galego. O proxecto conta tamén cun deseño gráfico de Xosé Vizoso, artista recentemente falecido, que foi discípulo de Isaac Díaz Pardo e traballou como deseñador en Sargadelos.

A web permitirá que calquera persoa interesada poida recoñecer, investigar e recuperar a forma correcta do seu apelido galego, contribuíndo así á revitalización do idioma e á conservación do legado lingüístico de Galicia.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.