Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Canto tardará o galego en desaparecer?

Un estudo da Real Academia Galega (RAG) constatou que as dinámicas de desgaleguización nas novas xeracións inícianse “moi cedo”, nos primeiro anos de escolarización, e que “afecta o proceso de adquisición da fala. A RAG continúa coa análise dos elementos que inflúen no abandono do galego das novas xeracións e amplíao sobre as actividades extraescolares, de conciliación e deportivas.

Segundo indicou a institución nun comunicado este martes, o último estudo presentado polo Seminario de Sociolingüística confirmou a “importancia dos centros educativos”, non só no ámbito pedagóxico, senón tamén como primeiro contacto coa vida pública fora da familia e contexto principal para a relación duns nenos con outros.

Os resultados visibilizaron como se produce o proceso de substitución do galego polo castelán na infancia nos diversos contextos. Así, constataron que as dinámicas de desgaleguización inícianse “moi cedo”, nos primeiro anos de escolarización, e que “afecta o proceso de adquisición da fala”. “As condicións ambientais nos contextos analizados implican unha presión sobre os galegos falantes que fan que adoptar o castelán sexa a opción que lles resulta máis cómoda e natural”, explicaron os autores do estudo.

Así, entre as principais conclusións o proxecto reflicte que o efecto desgaleguizador da escolarización que se reflicte na estatística “vai máis aló” dunha repartición horaria da lingua vehicular das materias ou da presenza do galego nos rexistros de maior formalidade.

Nestes últimos concentraron as medidas para garantir ou incrementar a presenza do idioma propio no sistema educativo, que constituíron un “soporte fundamental” para a normalización da lingua no ensino e o seu acceso aos espazos dos que “tradicionalmente estivese excluída”.

Con todo, nas actividades de menor formalidade que ocorren dentro e fóra dos centros educativos “resultan esenciais” para que os mozos incorporen en “maior medida” as ideas e pautas sociais de comportamento lingüístico. “Nelas os nenos experimentan a presión que limitan o uso do galego e empúxao ao seu abandono”, segundo o estudo.

“O caso dos concellos é especialmente relevante, xa que existen unha serie de servizos e actividades orientadas á infancia que dependen da súa xestión directa, pero tamén porque manteñen un contacto máis estreito cos axentes sociais que desenvolven todo tipo de actividades que modelan a vida cotiá dos seus territorios”, concluíron os autores. Toda a información na RAG.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.