Oqueleo defínese como unha “comunidade de lectoras e lectores cun mesmo obxectivo e lema”, que é motivar a lectura en galego en todas as franxas de idade para que ningunha crianza esqueza quen é. “Somos o que lemos”, sentencian na súa biografía en redes sociais. Esta semana, a través do seu perfil na plataforma X, compartían a sección do seu sitio web na que poñen á disposición dos docentes diferentes recursos de animación e mediación lectora, organizados por cursos e temáticas.
Na nosa zona docentes poderedes atopar recursos para animación á lectura, mediación lectora, materiais para diferentes efemérides e moito máis. https://t.co/vVjMnNloFX pic.twitter.com/GBXg7eN0ZF
— Oqueleo (@son_oqueleo) November 19, 2024
Dende ecoloxía a feminismo, son variadas as temáticas que, a través de contido infográfico e audiovisual, consiguen facer chegar aos máis ―e menos― pequenos. Dispoñen, ademais, de guías de lectura con títulos do panorama editorial galego distribuidas por mínimos de idade: Bruxa e familia para os maiores de 8 anos, O ferreiro da lúa chea para os maiores de 12, Lobo Ramón para os de 6…
A comprensión lectora a análise
Entre as súas seccións, fan públicas asemade ferramentas avaliadoras da comprensión e destreza lectoras. En formato de táboa e de forma individual, os rexistros abranguen dende a interpretación sinestésica ata a capacidade sintética. Partindo de 1º de Primaria, o recurso está dispoñible ata o cuarto curso de Educación Secundaria Obrigatoria.
Os docentes, mediante o envío dunha mensaxe ao correo electrónico loqueleo@santillana.es, pode contar cos diferentes recursos e contidos para realizar unha programación completamente en galego, canto menos ao máximo posible.