A asemblea xeral da Rede Europea pola Igualdade das Linguas (ELEN) reclamou a derrogación do chamado ‘decreto do Plurilingüismo’ e que se garanta o galego como idioma vehicular en todas as etapas educativas. Ademais, solicitaron ao Goberno do Estado que exista “un tratamento igualitario” de todas as linguas cooficiais na nova Lei do Audiovisual.
Tal e como informa o xornal Galicia Confidencial, a asemblea, que se celebra estes días no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela, instou á Xunta e ao Goberno central a atender as esixencias do Consello de Europa nos seus informes sobre a falta de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias.
Davyth Hicks, secretario xeral da entidade, e Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e recentemente reelixido vicepresidente de ELEN, analizaron en rolda de prensa algunhas destas cuestións e as preocupacións da asemblea sobre a situación das linguas minoritarias en Europa, especialmente no caso de Galicia.
Hicks reivindicou que o obxectivo de ELEN é que os cidadáns poidan “vivir normalmente” no seu propio idioma, algo “que tamén se aplica Galicia”, onde a lexislación actual “non se está implementando” do mesmo xeito que tampouco as recomendacións da Carta Europea das Linguas, algo “inaceptable” e “motivo de moita preocupación”.
“O esencial é que a implementación da lexislación se faga xa desde a propia Galicia”, considerou respecto diso, aínda que tamén se referiu ao interese de ELEN en seguir trasladando estas cuestións e a situación lingüística ás institucións europeas.
Neste sentido, recoñeceu que “un dos problemas” é a falta de poder da UE para actuar e protexer as linguas minoritarias, dado que son os estados quen posúen todas as competencias e “asegúranse de manter ese poder”. “Levámolo tentando 20 anos”, lembrou, co fin de que Europa “tome cartas no asunto”, posto que os Gobernos contan con “impunidade para actuar” e “se queren destruír” un idioma “poden facelo”.
“É certo que está a Carta, pero iso non se traduce en dereitos lingüísticos como tales”, destacou, para despois apostar por implementar un sistema que “poida garantir” esta realidade e que inclúa un réxime sancionador por incumprimento. Toda a información en Galicia Confidencial.