Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Esta canle de YouTube ensina en galego aos nenos os nomes de animais, contos populares e sobre consentimento

O proxecto audiovisual “Galego para nenos” conta con canles nas plataformas de Instagram, Facebook, TikTok, X e YouTube a través das cales difunde diferentes elementos pedagóxicos e educacionais empregando a lingua galega. Fan a súa presentación en redes sociais como unha nai e un pai que, sen ser “profesionais”, víronse motivados á creación e divulgación de material didáctico atractivo “ante a falta de contidos audiovisuais na nosa lingua” especialmente para o público pertencente ás primeiras etapas da infancia.

Entre os seus vídeos máis visitados, podemos atopar un cunha canción didáctica sobre o Samaín, con referencias culturais e históricas como a Santa Compaña, as meigas ou a elaboración de faces en cabazas.

A súa oferta no referente a cancións populares infantís acolle dende melodías orixinais galegas, como é o caso da música de berce “Axiña soñarás” ou “A curuxa”, a versións galeguizadas de versos coñecidos tras toda fronteira como “BINGO”, “As rodas do autobús” ou “Os tres porquiños”. Todas elas, a dúas voces, masculina e feminina.

DO ABECEDARIO AO CONSENTIMENTO

@galegoparanenos O meu corpo – Canción infantil do consentimento en galego Canción para traballar a autoconcepcion do corpo e o consentimento á hora de invadir o espazo persoal. Canción para a prevención do abuso infantil. #galego #galegosnotiktok #autocoñecemento #prevención #galiza ♬ original sound – Galego para nenos

De maneira visual e efectiva, outro contido que ofertan gratuitamente para as pantallas dos galegos máis pequechos son o abecedario ou as especies existentes no reino animal. Así como a comprensión e dotación de ferramentas para a interacción coa entorna, igual de importante é a aprendizaxe por parte dos máis pequenos da autoconcepción dos seus corpos e a dotación ou negación do consentimento.

“Galego para nenos” destaca dentro da oferta mediática en lingua galega. Ante datos como os últimos publicados polo Instituto Galego de Estatística ao respecto do uso do galego, a resposta ante o desuso ‒especialmente nos menores de sete anos‒ é a estimulación, dende o berce e de xeito dinámico.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.