Marcos Maceira, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística
Transmisión interxeracional, incorporación de novos e novas falantes, recuperación de quen deixou usar a lingua, é imprescindíbel para a supervivencia do galego, e só é posíbel se existen espazos de uso normal, como este mesmo neofalantes.gal, unha iniciativa que debemos saudar e difundir.
Se temos en conta que a disposición real de galego no ensino, no lecer, na administración, nos medios de comunicación, no consumo, na xustiza ou na administración é mínima tanto en termos absolutos como en relación ao seu uso social, sorprende que a pesar de todo o galego siga a estar vivo, que haxa miles de persoas que o defendan conscientemente utilizándoo e que a pesar de todos os atrancos exista un importante movemento social a favor da súa recuperación e da súa plena normalidade. Demóstrao o nacemento deste dixital ou a existencia desde hai 36 anos dunha organización como A Mesa pola Normalización Lingüística viva grazas ao esforzo e colaboración das por volta de 4000 persas asociadas que aseguran unha actividade constante sen nengunha axuda ou subvención do actual goberno galego.
Recuperar a lingua restaurando a transmisión interxeracional -natural en calquera normalizada-, favorecendo a reinstalación de quen a deixou de empregar, ou a incorporación de novos falantes, será un proceso lento, mais para o comezar precisamos dispor de galego en todas as circunstancias e para todos os usos.
Un dos ámbitos máis visíbeis de exclusión da nosa lingua é o do audiovisual. Mentres estamos á espera de que a CRTVG incorpore a súa plataforma para gozarmos nela dos contidos da App Xabarín, TVE emite en galego só o 0,5% da súa programación total, dos cais un 0% é destinado ao público infantil e xuvenil. Se este é o panorama das fornecedoras públicas, no sector privado está directamente excluído. Unha mostra: dos máis de 26000 títulos dispoñíbeis nos catálogos da plataformas audiovisuais nengún ten versión dobrada ou lexendada ao noso idioma e só hai en galego arredor de 30, todos eles producidos en Galiza.
A influencia social do audiovisual, mesmo nos nosos hábitos é clara. No que se refere á lingua, por citar algúns, impide contar con referentes de fala, reforza a idea de superioridade do español e elimina a posibilidade de uso ao accedermos aos contidos audiovisuais.
Esta situación motivou unha Iniciativa Popular impulsada pola Mesa pola Normalización Lingüística que xuntou máis de 33mil sinaturas e foi aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza. Entre outras cuestións acordouse solicitar do Goberno español que a nova lei do audiovisual recoñeza a pluralidade lingüística como principio básico, igualando contidos e porcentaxes mínimas en galego e castelán na dobraxe, lexendaxe e audiodescricións, así como no financiamento anticipado de producións audiovisuais nas canles e plataformas de televisión lineais ou baixo demanda, así como que CRTVE emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego.
Todos os partidos do Parlamento de Galiza entenderon que hoxe, sen audiovisual, non hai posibilidade de desenvolvemento da lingua galega e que temos que pór fin á exclusión das nosas linguas. Cando só non temos posibilidade de ver algo en galego, éuscaro ou catalán estásenos impedindo usar a nosa propia lingua no noso propio fogar.
Con todo, se finalmente conseguimos que a presenza do galego no audiovisual sexa minimente equitativa, será pola forza demostrada da acción social comprometida en reverter a situación do noso idioma. Nese traballo está a Mesa pola Normalización Lingüística