“Se desexamos mil primaveras máis para a nosa lingua, debemos de usala e amala, garantindo a súa presenza nos momentos transcendentais da nosa existencia, na morte tamén“. Con estas palabras pecha Iago Aballe Iglesias o seu testemuño tras o falecemento do seu pai, ocorrido entre o Xoves e o Venres Santo. Un texto que circula xa por redes e espazos culturais en liña e que pon sobre a mesa unha realidade aínda pouco visibilizada: as dificultades para vivir (e morrer) en galego nun país que leva décadas reclamando a súa normalización.
O relato de Aballe parte do agradecemento ás amizades e colectivos que acompañaron á familia no proceso de despedida. Mais, rapidamente, dá paso á denuncia das múltiples trabas atopadas para poder garantir que as exequias do seu pai se desenvolvesen integramente en galego, como era desexo expreso da familia. “Poucos axentes están preparados para facelo na nosa lingua. Hai que insistir moito e sempre hai que estar con ollo para que o fagan correctamente”, explica.
Segundo o seu testemuño, foi necesario corrixir persoalmente a necrolóxica que ía publicarse no Faro de Vigo e insistir para que as bandas dos ramos de flores figurasen en galego. Porén, a situación máis chocante produciuse no momento da incineración, cando o sacerdote que os acompañou non foi quen de rezar un responso en galego. “Tiña un discurso escrito, que leu, e despois púxose a rezar en castelán”, relata Aballe.
Para o autor, isto “demostra o pouco interese que ten o clero pola nosa cultura. Un desprezo”, afirma, cualificando o sucedido como un exemplo claro da desconsideración que sofre a lingua galega no ámbito eclesiástico.
Un funeral íntegro en galego: unha excepción que houbo que buscar
A familia conseguiu finalmente oficiar os funerais en galego, grazas á implicación dun sacerdote amigo da familia. “Foi unha despedida moi emotiva”, recoñece Aballe, pero engade que iso foi posible unicamente porque a familia se mobilizou para buscar alternativas. “O feito de que teña que ser a familia quen busque solucións demostra claramente cal é a desconsideración da lingua galega no ámbito eclesiástico”, insiste.
No caso concreto da súa familia, que coñece ben “a minorización cultural”, había un compromiso claro de garantir o uso do galego nas distintas fases do proceso: da necrolóxica á lápida, pasando polos actos relixiosos e os textos escritos.
O testemuño de Iago Aballe encaixa con outras voces que nas últimas décadas veñen alertando da exclusión da lingua galega en espazos como os rexistros civís, os hospitais, os cemiterios ou as igrexas. Nun contexto no que moitas persoas falan galego no seu día a día, non sempre é doado garantir que os momentos chave da vida persoal —nacementos, vodas ou mortes— se desenvolvan neste idioma.
“O meu pai estaría moi contento da despedida que tivo”, di Aballe. E engade que ese resultado foi froito da implicación familiar: “Estivemos moi pendentes de que se cumprise o estipulado: exequias, lápida e necrolóxica na nosa lingua”.