A Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) modificou o proceso selectivo convocado o 30 de novembro de 2023 para permitir que as persoas aspirantes poidan elixir entre galego e castelán como idioma para realizar os exames. A decisión, recollida nunha resolución asinada polo director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, o pasado 31 de xaneiro, establece un prazo extraordinario de cinco días para que os candidatos comuniquen a súa escolla lingüística.
A CRTVG xustifica esta medida como un “trámite excepcional”, argumentando que se trata do primeiro proceso selectivo que se rexe por un novo sistema. Segundo o documento oficial, este cambio non se repetirá en futuras convocatorias. Non obstante, desde o Comité Intercentros da CRTVG sinalan que a medida responde a unha decisión ideolóxica vinculada á nova lei de medios, impulsada pola Xunta de Galicia, que abre a posibilidade de introducir contidos en castelán na TVG e na Radio Galega.
A convocatoria orixinal incluía a posibilidade de realizar as probas en castelán, agás nos exames destinados a acreditar o coñecemento da lingua galega, requisito imprescindible para acceder a calquera posto na CRTVG. A dirección do ente público subliñou que, no caso da categoría de redactor/a, ademais de posuír o CELGA 4, os aspirantes deberán superar un exame de redacción e locución en galego.
O Comité Intercentros xa propuxera durante a negociación da convocatoria que os exames se realizasen exclusivamente en galego, mais a dirección rexeitou a petición. Fontes sindicais consultadas afirman que esta decisión supón “unha renuncia á normalización da lingua”, especialmente nun medio público cuxa misión inclúe a promoción do uso do galego.
A CRTVG argumenta que a modificación cumpre coa lexislación vixente, en referencia á Lei 2/2015 do emprego público de Galicia, que garante o dereito das persoas aspirantes a utilizar calquera das dúas linguas oficiais nos procesos selectivos. Este marco legal consolidou a reforma iniciada en 2009, cando o goberno de Alberto Núñez Feijóo eliminou a obrigatoriedade de realizar un exame en galego nas oposicións da Xunta, limitando a súa avaliación a unha proba específica da lingua.
A inclusión do castelán nas probas de acceso á CRTVG coincide co proxecto da nova lei dos medios públicos impulsado pola Xunta, que prevé a introdución de contidos en castelán nos medios públicos galegos. A norma inclúe o compromiso de ofrecer “programas e servizos 100% en galego”, aínda que engade a posibilidade de empregar outras linguas para “dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fóra da comunidade autónoma”.
A nova lexislación, que se atopa en fase de tramitación no Parlamento galego, ten previsto ser aprobada co apoio do PPdeG e foi incluída entre as ameazas á liberdade de prensa en Europa monitorizadas polo proxecto Mapping Media Freedom. O Comité Intercentros da CRTVG convocou unha xornada de folga o pasado 28 de xaneiro en protesta por este cambio de orientación nos medios públicos galegos.