Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Os premios Youtubeiras+ reciben, ata este venres, candidaturas de creadores de contido en galego

A oitava edición dos Premios Youtubeiras+ supón un renacemento deste recoñecemento polo emprego da lingua galega en redes sociais coa apertura da participación de creadores de TikTok, ademais dos da plataforma de vídeos. Existen, tamén, novas categorías de premios ás que aspiran os participantes que, ata as 23:59 horas deste venres 15 de novembro, se poden inscribir a través dun formulario publicado na súa páxina web. A votación final terá lugar, a través da difusión dun formulario, .

Aos premios, opta toda persoa maior de catorce anos que autoproduza contidos a través de canles en YouTube ou TikTok. Ao ampliar o seu campo de acción, o certame modifica as súas bases e muda as categorías nas que se dividen os galardóns, que pasan a ser sete: canle de YouTube, canle de Tiktok, creación de contidos, revelación, calidade lingüística, rede e o Premio do público. Os dous primeiros premios estarán dotados con 1250 €, mentres que o resto recibirá 1000 €. En total, a organización repartirá entre as persoas gañadoras 7500 €.

Este proxecto é organizado polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades galegas e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos dixitais en galego con temáticas e formatos diversos.

Existen unha serie de requirimentos para as candidaturas, como no caso dunha autorización de ser menor de idade. Sobre o contido, as canles que participen deberán ter a maioría dos vídeos en galego e contar como mínimo cun vídeo subido a partir do 15 de novembro de 2023 co cancelo #youtubeiras; non ter restricións de privacidade; os títulos, as descricións e os subtítulos permanentes, no caso de habelos, estarán en galego e os vídeos poden contar con subtítulos de activación opcional no YouTube noutras linguas.

PPREMIO DO PÚBLICO, ABERTO A PROPOSTAS

Calquera persoa poderá presentar suxestións para o Premio do Público a través do formulario habilitado no seu sitio web. O prazo para facer estas propostas estará aberto tamén até o 15 de novembro e ninguén poderá propoñer como candidatos os seus propios vídeos. Con todas as candidaturas recibidas crearase un formulario de votación que se difundirá polas redes sociais de Youtubeiras+ e estará habilitado do 25 de novembro ao 5 de decembro.

COMPOSICIÓN DO XURADO

O xurado dos Premios Youtubeiras+ comporano Andrea Villa, xornalista e produtora; Carlos Callón, escritor, profesor e presidente de honra da Mesa pola Normalización Lingüística; Iago Gordillo, realizador audiovisual e gañador do Premio Youtubeira 2023; Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, e Sara Varela, guionista, realizadora e produtora audiovisual.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.