Aenor vén de publicar a versión oficial en galego da norma UNE-EN ISO 14050:2023, dedicada ao vocabulario da xestión ambiental, un documento de referencia para a terminoloxía empregada no conxunto da serie de normas ISO 14000. A tradución foi realizada polo Servizo de Normalización Lingüística da USC, que suma xa nove normas traducidas ao galego co obxectivo de facilitar o emprego da lingua en ámbitos técnicos, profesionais e especializados.
A norma recolle máis de 350 conceptos fundamentais relacionados coa xestión ambiental e ofrece a súa equivalencia en galego, castelán e inglés. Trátase dun recurso pensado para favorecer a precisión terminolóxica en sectores nos que a linguaxe técnica resulta especialmente relevante, como a administración, a empresa, a auditoría ambiental ou os organismos reguladores.
Desde o Servizo de Normalización Lingüística sinalan que a incorporación do galego a este tipo de documentos contribúe a mellorar a calidade da comunicación técnica. “Incorporar o galego axuda a asegurar a precisión terminolóxica e unha comunicación clara e precisa entre organismos reguladores, empresas e entidades auditoras do nosa contorna lingüística”, explican desde o SNL.
O documento foi revisado e validado por especialistas da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC, co fin de garantir que a versión galega mantivese a coherencia técnica e a calidade necesarias nunha norma destas características. Esta revisión especializada resulta especialmente relevante ao tratarse dun texto destinado a ámbitos nos que a exactitude conceptual condiciona a correcta aplicación de procedementos e criterios ambientais.
A publicación desta norma en galego insírese no traballo desenvolvido polo SNL para dotar a comunidade universitaria e profesional de ferramentas que permitan empregar a lingua galega tamén en espazos altamente especializados. Con esta nova incorporación, son xa nove as normas traducidas desde o servizo, nunha liña de actuación orientada a ampliar a presenza do galego en documentos técnicos de referencia.
A comunidade universitaria da Universidade de Santiago de Compostela pode consultar e descargar gratuitamente a norma a través do portal AENORmás. Ademais, todas as normas traducidas polo Servizo de Normalización Lingüística están dispoñibles para a súa consulta en liña, dentro da lapela Normas UNE.