Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Mooom, neofalante e artista: “É importante non perder a lingua, pero moito máis non perder a fala”

Mooom criouse en Pontevedra, aínda que a súa familia é de Bueu e de Cotobade. Dedicada á música e á xestión cultural, a artista forma parte das persoas que decidiron adoptar o galego como lingua habitual despois de medrar nunha contorna maioritariamente castelanfalante. No seu caso, a decisión estivo vinculada á identidade galega, á recuperación das raíces familiares e á súa experiencia migratoria en Barcelona.

Mooom lembra que na súa familia o galego estaba presente, pero non sempre se transmitía ás novas xeracións. “Meu pai de toda a vida, se era cun obreiro ou camareiro, faláballe en galego, pero se me falaba a min, falábame en castelán”, explica. Iso relaciónao cos prexuízos sociais asociados historicamente á lingua e coa transformación dos hábitos lingüísticos das familias que se trasladaron do rural ás cidades.

A presión social para empregar o castelán foi un dos principais obstáculos no seu proceso como neofalante. Ela relata que a reacción inicial da súa contorna non foi especialmente positiva. A súa propia nai chegou a recomendarlle que non falase galego porque “podía parecer da aldea“.

Porén, a artista entende aquelas palabras dende a realidade social na que medraran os seus pais. Procedentes dunha familia humilde do rural, viviron nun contexto no que o galego estaba asociado a unha posición social desfavorecida. Para Mooom, recuperar a lingua tamén implica comprender os motivos polos que as xeracións anteriores deixaron de transmitila.

Un dos aspectos que máis reivindica é a preservación das variedades dialectais, que considera parte fundamental da riqueza lingüística de Galicia. A artista explica que a súa maneira de falar conserva trazos propios da costa pontevedresa e destaca as diferenzas que existen entre localidades tan próximas como Bueu ou Marín. “Unha cousa é non perder a lingua, que é moi importante, pero tamén está o non perder a fala”, reflexiona. Neste sentido, amósase crítica cos procesos de homoxeneización que poden provocar a desaparición de palabras, expresións e particularidades locais.

A súa preocupación está especialmente relacionada coa fala das persoas maiores, nas que identifica un patrimonio lingüístico que considera necesario conservar. Por iso, defende que a normalización do galego debe acompañarse da recuperación e valoración das diferentes maneiras de falalo.

O galego como lingua de creación musical

A relación de Mooom co idioma reforzouse durante a súa etapa en Barcelona, onde desenvolveu boa parte da súa traxectoria profesional. A artista explica que, na emigración, falar galego se converteu nunha maneira de manter o vínculo coa súa identidade e de relacionarse con outras persoas procedentes de Galicia. Esta conexión tamén marcou a súa actividade artística. Malia que nalgúns contextos lle recomendaban mesmo cantar en inglés para chegar a máis público, decidiu manter o galego como lingua das súas composicións. “A música permite transmitir emocións incluso cando quen a escoita non comprende completamente as letras”.

A experiencia tamén a levou a descubrir as posibilidades de conexión co público lusófono. Lembra que algunhas persoas chegaron a confundila cunha artista brasileira, unha situación que interpreta como unha mostra da capacidade do galego para chegar a diferentes comunidades lingüísticas. “Coido que facer música en galego é importante, pero tamén a arte ten que ter mensaxe”, afirma. Para Mooom, as cancións deben poder combinar o entretemento coa reflexión sobre cuestións sociais.

Neste sentido, valora a crecente presenza do galego na música contemporánea, aínda que considera que a súa popularidade non debe confundirse coa normalización do uso cotián. Ao seu xuízo, resulta positivo que novos artistas incorporen o idioma, pero advirte de que este non debería quedar reducido a unha moda ou a determinadas expresións culturais.

Mooom tamén cuestiona a asociación histórica do galego con determinadas posicións políticas ou procedencias sociais. “Ou es da aldea ou es do Bloque”, resume ao referirse a uns estereotipos que, segundo considera, limitaron o uso da lingua. Defende que falar galego debería ser unha práctica normalizada con independencia das ideas políticas ou da identidade de cada persoa.

Esta reflexión está relacionada coa súa experiencia en Cataluña, onde percibiu unha situación lingüística diferente. Na súa opinión, mentres que en Galicia continúa existindo unha forte diglosia, en Cataluña o uso do catalán está máis integrado na vida social.

“Alí pasa o contrario. Ti, se queres entrar na sociedade, tes que aprender catalán”, explica. Mooom considera que esta realidade facilita que as persoas chegadas doutros territorios incorporen a lingua propia sen ter que renunciar á súa cultura de orixe. Tamén destaca o papel das institucións e do apoio público á promoción lingüística, un ámbito no que considera que Galicia podería tomar como referencia algunhas iniciativas desenvolvidas en Cataluña.

Perder o medo a falar galego

A artista remata cunha reflexión dirixida ás persoas que queren comezar a falar galego, pero que non se atreven por medo a equivocarse ou a recibir comentarios negativos. Mooom lembra que a inseguridade lingüística tamén afecta a persoas que levan toda a vida falando o idioma. Como exemplo, menciona a súa avoa, galegofalante habitual, que nalgunha ocasión chegou a dicirlle que non sabía falar correctamente.

Para ela, esta percepción evidencia a persistencia dos prexuízos arredor da lingua. Por iso, anima as persoas neofalantes a empregar o galego sen medo aos erros e sen renunciar aos trazos dialectais propios de cada territorio.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.