A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas! inaugurou este xoves no Claustro Alto do Colexio de Fonseca, en Santiago, a exposición ‘Un modelo para o mundo. 30 anos de Ponte… nas Ondas!’, unha mostra que percorre tres décadas de traballo arredor da educación, a comunicación e a transmisión do patrimonio cultural compartido entre Galicia e Portugal. A iniciativa, integrada no programa Outono Cultural 2026 da Universidade de Santiago de Compostela (USC), poderá visitarse ata o próximo 20 de novembro.
A exposición reconstrúe a evolución dun proxecto nacido en 1995 da colaboración entre centros educativos das dúas beiras do Miño e que, co paso dos anos, incorporou novas tecnoloxías, actividades culturais e propostas pedagóxicas para promover a participación do alumnado na conservación e difusión da memoria colectiva. A súa traxectoria levou a iniciativa a ser inscrita en 2022 no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da UNESCO.
A inauguración comezou cunha actuación musical do alumnado do CEIP da Ramallosa, de Teo, integrante da Rede de Centros Modelo Ponte… nas Ondas!, e reuniu representantes da asociación, da USC e da Xunta de Galicia. Participaron no acto a vicerreitora de Cultura, Lingua e Patrimonio da universidade, Ana Cabana Iglesias; o director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes; o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carlos Toural; e o presidente de Ponte… nas Ondas!, Santiago Veloso.
Durante a presentación, Santiago Veloso explicou que os materiais reunidos na exposición representan unicamente unha parte da actividade desenvolvida pola asociación desde a súa creación. A mostra recolle “só a punta do iceberg, unha mínima parte do que viviron milleiros de alumnos, alumnas e docentes que desde 1995 pasaron pola nosa ponte”, afirmou o presidente da entidade.
Veloso lembrou que Ponte… nas Ondas! xurdiu coa intención de superar as fronteiras xeográficas e educativas, favorecer o contacto entre as escolas e a sociedade e facilitar a transmisión interxeracional da cultura galego-portuguesa. O proxecto naceu, segundo explicou, “para cruzar fronteiras, tender pontes entre a escola e a sociedade e re-transmitir ás novas xeracións o patrimonio galego-portugués, dándolle voz ás persoas portadoras”. “Nunca é doado saír das aulas, pero é necesario para que os máis novos aprendan do máis próximo”, engadiu Veloso, quen tamén recoñeceu o traballo do profesorado que participou nas distintas edicións da iniciativa. Moitos dos primeiros escolares que se achegaron aos micrófonos son hoxe persoas adultas con fillos e fillas, unha circunstancia que reflicte a continuidade xeracional do proxecto.
Pola súa banda, a vicerreitora Ana Cabana Iglesias destacou a capacidade da iniciativa para establecer vínculos entre o profesorado e o alumnado de Galicia e Portugal, así como entre persoas de distintas idades. Na súa intervención, sinalou que Ponte… nas Ondas! “limou unha fronteira moi importante, que é a idea de que o patrimonio inmaterial estaba fóra das aulas e da xente nova; é moi interesante que a escola se preste a ser esa ponte cos contos, a música e os coñecementos dos avós e avoas”. Cabana tamén incidiu na importancia de “falar e escoitar nos tempos que corren” e considerou que o recoñecemento internacional da UNESCO “é para estar orgullosísimos desde Galicia”. A representante universitaria felicitou a asociación tanto pola posta en marcha da iniciativa como pola súa continuidade durante trinta anos.
O director xeral de Patrimonio Cultural da Xunta, Ángel Miramontes, puxo o foco na repercusión que tivo a inscrición da UNESCO en 2022 para dar visibilidade ao proxecto. Tamén destacou a diversificación das actividades desenvolvidas pola asociación, que “vai moito máis aló da radio, abranguendo xornadas, publicacións e exposicións”. Na mesma liña, o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Carlos Toural, salientou o papel da iniciativa na incorporación da comunicación e das ferramentas tecnolóxicas ao ensino.
Segundo explicou, Ponte… nas Ondas! “innovou antes mesmo de que existise o propio campo da innovación no ámbito da cultura dixital”, desenvolvendo durante tres décadas procesos de creación colectiva orientados a “tecer identidade e tecer o común a través da comunicación”. Toural tamén destacou a importancia de que os centros educativos participantes poidan coñecer as instalacións universitarias e subliñou o protagonismo que o alumnado mantivo ao longo da historia da asociación.
Da primeira emisión en 1995 á radio dixital
A exposición xira arrador da evolución tecnolóxica de Ponte… nas Ondas!, desde as primeiras experiencias radiofónicas ata os formatos dixitais que emprega actualmente.
A historia comezou o 29 de marzo de 1995, cando 16 escolas galegas e portuguesas organizaron unha xornada de doce horas de radio escolar con motivo da inauguración da ponte internacional entre Salvaterra de Miño e Monção. Aquela primeira experiencia, realizada cunha antena colocada nun pau, deu pé a que se establecese unha comunicación entre escolares dos dous territorios e sentou as bases dunha iniciativa que acabaría incorporando centros educativos, docentes e participantes de diferentes xeracións.
A través dunha liña do tempo e de documentos históricos, a exposición permite coñecer os principais avances do proxecto. Entre eles figura a transición das gravacións en cintas de casete á primeira emisión por Internet, realizada en 1997, así como a posterior incorporación de ferramentas audiovisuais e dixitais. Esta evolución desembocou no concepto de ‘radiovisual’, un formato que combina a comunicación radiofónica cos recursos audiovisuais e as posibilidades de participación que ofrecen as novas tecnoloxías.
Porén, a transformación dos medios empregados non modificou o obxectivo educativo da asociación. Segundo explicou Veloso, a intención foi sempre “que o patrimonio entrase nas aulas para que a rapazada deixase de ser receptora da información e tomase a palabra diante dos micrófonos”. O alumnado pasou daquela a participar directamente na investigación, documentación e difusión dos elementos culturais da súa contorna, desde a lingua e a literatura oral ata os oficios tradicionais, as celebracións populares ou as historias transmitidas polas persoas maiores.
A exposición tamén dedica parte do seu percorrido ao traballo realizado pola asociación para recuperar, documentar e difundir o patrimonio cultural inmaterial galego-portugués, especialmente a través da participación das comunidades educativas. Entre as iniciativas desenvolvidas durante estas tres décadas destacan os Certames de Recollida da Tradición Oral, que promoven a investigación do alumnado sobre os coñecementos transmitidos oralmente, e o concurso fotográfico ‘As Imaxes do Patrimonio’, centrado na documentación visual dos elementos culturais da contorna.
Estas propostas procuran que os escolares non se limiten a estudar o patrimonio a través dos materiais educativos, senón que participen na súa identificación e transmisión, establecendo contacto coas persoas que conservan os saberes tradicionais. A mostra tamén recolle a actividade editorial, musical e escénica da entidade, con referencias a proxectos como os audiolibros de ‘Meniños Cantores’, ‘Cores do Atlántico’ ou o máis recente ‘Cancioneiro galego-portugués’. Outro dos ámbitos representados é a conexión cultural entre Galicia, o norte de Portugal e outros territorios da lusofonía, desenvolvida mediante encontros e actividades como as Mostras da Oralidade.
O percorrido lembra igualmente a Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués á UNESCO, impulsada en 2004 desde as propias escolas dos dous países. Aquela iniciativa constitúe un dos antecedentes do posterior recoñecemento internacional do modelo educativo de Ponte… nas Ondas!. Ao longo da súa traxectoria, o proxecto tamén contou co apoio de diferentes personalidades da cultura e da comunicación, entre elas Caetano Veloso, Margareth Menezes, Francisco Fernández del Riego, Julia Otero e Rexina Vega.
A proposta instalada no Colexio de Fonseca non se limita á presentación de documentos e materiais históricos. O público pode acceder a diferentes contidos mediante códigos QR, arquivos sonoros, vídeos, ilustracións e unha pantalla táctil, recursos cos que a asociación busca trasladar ao espazo expositivo o carácter participativo das súas actividades.
Ponte… nas Ondas! desenvolve actividades que abranguen desde a educación infantil, con participantes a partir dos tres anos, ata o ensino superior, polo que a súa presenza na Universidade de Santiago representa unha conexión entre as distintas etapas formativas. Un dos elementos centrais desta proposta é o estudo de radio habilitado na Capela da Universidade, onde o alumnado poderá participar en actividades prácticas relacionadas coa comunicación e o patrimonio.
Ata o próximo 20 de novembro, unha decena de centros educativos de Galicia pasarán pola exposición para realizar visitas guiadas e obradoiros nos que gravarán os seus propios pódcasts sobre diferentes aspectos da cultura e da memoria colectiva. A actividade permitirá aos escolares coñecer o funcionamento dun estudo radiofónico e experimentar co proceso de elaboración de contidos, desde a selección dos temas ata a súa comunicación diante dos micrófonos.
Ademais, grazas á colaboración coa Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, varios dos centros participantes completarán a visita a Fonseca cun percorrido polas instalacións e os estudos da facultade. O obxectivo é achegar o alumnado ao ámbito universitario da comunicación e amosarlle os recursos empregados na formación e na produción audiovisual.
Trinta anos de traballo colectivo
A exposición está coordinada por Santiago Veloso e conta con textos e documentación de Roberto Noguerol, deseño gráfico de Andrés Meixide, deseño expositivo de Lía González e produción videográfica de Casa de Tolos.
Os obradoiros están a cargo de Damián Alonso, mentres que Uxía Iglesias se ocupou da revisión lingüística e José Manuel Diego da produción. O servizo de mediación e visitas guiadas está xestionado por Closet Comunicación. A iniciativa está financiada polo Ministerio de Cultura e a Xunta de Galicia, coa colaboración institucional da Universidade de Santiago de Compostela, a través do programa Outono Cultural 2026.