Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O Premio Nortear busca novos talentos en Galicia e o Norte de Portugal

A Xunta de Galicia, xunto coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal e outras entidades colaboradoras, abre a convocatoria para a 11ª edición do Premio Literario Nortear, un certame que busca impulsar a creatividade da mocidade de ambos territorios e fortalecer os vínculos culturais a través da literatura.

O galardón está dirixido a persoas de entre 16 e 36 anos naturais ou residentes en Galicia ou no Norte de Portugal, que presenten un relato orixinal e inédito, cunha extensión de entre 5.000 e 8.000 palabras, escrito segundo a normativa oficial da Real Academia Galega ou segundo o novo acordo ortográfico portugués.

A persoa gañadora recibirá un premio de 3.000 euros e verá o seu traballo publicado en ambas linguas, fomentando así a circulación literaria entre os dous territorios. A data límite para presentar as candidaturas é o 30 de xuño, a través da web oficial da plataforma Nortear (nortear.gnpaect.eu).

Desde a súa creación, o Premio Nortear consolidouse como un referente europeo na cooperación cultural transfronteiriza, acumulando máis de 450 obras presentadas nas súas dez edicións anteriores.

Unha década de unión cultural galego-portuguesa

Segundo destaca a organización, este certame forma parte dun proxecto cofinanciado polo Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España–Portugal (POCTEP) INTERREG 2021–2027 e ten como obxectivo valorizar a identidade cultural compartida entre Galicia e o Norte de Portugal, ao tempo que descobre e impulsa novos talentos literarios.

Na edición anterior, o gañador foi Manuel Vila Iglesias pola obra Graxa. Entre os nomes recoñecidos nas edicións pasadas figuran Lara Dopazo Ruibal, Rui Cerquera Coelho, Cecília Fernández Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga, Pedro Rodríguez Villar, Marta Pais de Oliveira e Vicente Vázquez Vidal.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.