As prazas da Peixería e de Galicia en Vilagarcía converteranse este venres, 22 de marzo, nun espazo didáctico aberto no que o galego e as matemáticas serán os protagonistas. A actividade, titulada ‘Matemáticas na rúa e en galego!’, celebrarase entre as 10:00 e as 13:30 horas e contará coa participación de máis de 800 alumnos e alumnas de sete centros educativos do municipio.
Trátase da primeira edición deste evento en Vilagarcía, unha proposta que busca achegar o coñecemento matemático e o uso do galego á cidadanía a través do xogo, da interacción e do traballo cooperativo. A iniciativa parte dos departamentos de Matemáticas e Normalización Lingüística do IES O Carril, e conta coa colaboración do IES Castro Alobre, o IES Armando Cotarelo Valedor e os colexios Arealonga, A Escardia, Sagrada Familia-Filipenses e Rubiáns.
Cada centro disporá dun stand propio no que o alumnado mostrará diferentes propostas didácticas desenvolvidas previamente nas aulas. A través de xogos, desafíos lóxicos e actividades participativas, os estudantes combinarán o pensamento matemático co uso do galego como vehículo de comunicación.
“Nas últimas semanas, o alumnado estivo a preparar exposicións nas que se mestura a lóxica matemática coas habilidades comunicativas en lingua galega”, explican desde a organización. O obxectivo é que cada xogadora e xogador aplique o aprendido nun contexto real, practicando tanto a competencia numérica como a lingüística.
Durante a mañá, os stands serán visitados tanto por estudantes do propio centro como doutros participantes, promovendo un espazo de aprendizaxe compartida e colaboración entre idades e niveis educativos.
Unha proposta que leva a aprendizaxe ao espazo público
Se a meteoroloxía o permite, Vilagarcía vivirá unha xornada na que o coñecemento sairá das aulas para conquistar a rúa, ofrecendo á veciñanza unha mostra de como se pode ensinar e aprender de forma diferente, divertida e en galego. A actividade tamén pretende visibilizar o papel do idioma como lingua útil no ámbito educativo e cotián, máis alá das materias específicas.
Con esta acción, a organización busca fomentar o interese pola lingua e polas matemáticas, aliando dúas áreas que, segundo afirman, poden reforzarse mutuamente cando se abordan desde enfoques innovadores.