Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Ciencia en galego, catalán, éuscaro e castelán para visibilizar ás mulleres científicas

A Universitat Oberta de Catalunya impulsa un certame de vídeos para animar ás mulleres a cursar estudos do ámbito STEM. Os audiovisuais poderán presentarse en castelán, catalán, éuscaro ou galego e serán avaliados de cara a de tres categorías: dúas dirixidas a escolares e unha para adultos. Así o veñen de apuntar dende a institución catalana e os seus Estudos de Informática, Multimedia e Telecomunicacións (EIMT) a respecto dos premios Equit@t.
De acordo coas mesmas fontes, ao premio poderán presentarse vídeos de entre trinta segundos e dous minutos de duración. As pezas poden estar en castelán, catalán, éuscaro ou galego. Hai unha categoría dirixida ao alumnado, con dúas modalidades, e outra para adultos. En canto ás modalidades para o alumnado, por unha banda, o de Secundaria pode presentar unha peza audiovisual pensada para ser compartida en redes sociais como TikTok ou reels de Instagram. A outra modalidade consiste en que o alumnado de Secundaria grave un vídeo de divulgación científica, de dous minutos como máximo, no que explique un concepto científico-técnico, pensado para ser compartido nas redes sociais. Os traballos poderán presentarse dende o 28 de abril, Día das Nenas nas TIC, até o 10 de decembro. Cada vídeo premiado recibirá 1.000 euros.
Daniel Riera, director dos EIMT, destaca a necesidade de iniciativas como este galardón, porque “os estudos científicos demostran que é na adolescencia cando desaparece o interese que mostran as nenas e as mozas polas carreiras científicas e técnicas”. Riera explica que “se detectaron moitas causas” que provocan este feito, entre elas, “a eiva de referencias, os comentarios negativos que lles chegan da xente do seu entorno ou máis autoesixencia por parte das mozas, que fai que crean que son peores na ciencia, cando son realmente mellores”, indica.
Por iso, engade o director dos Estudos de Informática, Multimedia e Telecomunicación da UOC, “hai un momento no que as vocacións STEM nas mozas caen en picado”. Riera sinala que “se realizan moitas accións para traballar cada unha destas causas”, e subliña que o premio Equit@t “pretende que tanto as cativas e cativos, como a mocidade, reflexionen sobre esta cuestión, conscientes que son libres e competentes para estudar o que máis lles gusta. Ademais, “tamén queremos crear unha canle para que a mocidade que estea no momento da elección de estudos poida falar cos nenos e as nenas e explicarlles de primeira man o problema”.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.