O creador galego Leo Espiña Otero, coñecido profesionalmente como L.E.O., presentará a mediados do mes de maio o seu novo proxecto, ‘As lendas da Galaquia’, un videoxogo en galego e inglés que afonda na relación entre arte, memoria, mitoloxía e videoxogo. Con 24 anos e formación en Belas Artes en Pontevedra, Espiña desenvolve esta proposta a partir do seu Traballo de Fin de Grao, titulado ‘Os bosques da Galaquia’, que serve de base conceptual e estética para a nova peza.
O proxecto constrúese arredor dunha idea central: transmitir ao xogador a experiencia de perderse nun bosque galego. Segundo explica o autor, o obxectivo non é só percorrer un espazo natural, senón facelo desde a cautela, a curiosidade e unha certa incerteza. “O que significa perderse nun bosque galego”, sinala, é unha sensación que o xogo procura recrear a través dun entorno cambiante que obriga a quen xoga a aprender progresivamente o seu funcionamento.
Neste sentido, o deseño remite a referencias clásicas como o primeiro título da serie The Legend of Zelda, especialmente na súa aposta por unha exploración sen guías explícitas, baseada na observación, a memoria e a creación de mapas propios. O avance non está guiado por instrucións directas, senón pola acumulación de coñecemento.
Máis información en Faro de Vigo