A Xunta de Galicia iniciou a segunda e última convocatoria de exames Celga deste 2021. En total, están inscritos case 1600 candidatos para a obtención dos Celga 4, 3 e 2, que se suman aos 1987 que participaron na primeira rolda de exames, a máis completa, que tivo lugar entre os meses de maio e xuño entre Santiago de Compostela e Ponferrada.
Os exames organizados pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade teñen lugar no IES compostelán Antonio Fraguas e na Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada, sedes oficiais nas que están convocadas para esta fin de semana un total 986 persoas, 789 en Santiago e 197 na vila berciana. Para cumprir coa repartición requirida polas medidas de seguridade sanitarias, os candidatos estarán repartidos entre os dous días, de xeito que o sábado se examinarán as persoas cuxo primeiro apelido comece por unha letra entre o Y e o L e o domingo será a quenda dos restantes aspirantes, que van das letras M ao X.
As probas rematarán a seguinte fin de semana en ambas as sedes cos exames do Celga 3 o sábado 27, con 374 persoas admitidas (315 en Santiago e 59 en Ponferrada), e do Celga 2 o domingo 28, cun total de 239 aspirantes matriculados (210 en Santiago e 29 en Ponferrada). As probas do Celga 1, que unicamente se realizan en Santiago, non están convocadas nesta volta.
Toda a información relativa ás portas de entrada e ás aulas asignadas está dispoñible no Portal da Lingua Galega, onde tamén se irán actualizando durante o desenvolvemento dos exames as quendas das probas orais e os horarios nos que deben presentarse as persoas convocadas. Ademais, todos os interesados en presentarse a unha próxima convocatoria e/ou preparar as probas teñen toda a información e o material de formación e autoformación no dito portal.
Protocolo sanitario
Malia que o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de outubro de 2021 declarou a finalización da situación de emerxencia sanitaria en Galicia, aínda continúan a ser necesarias, mentres permaneza a pandemia provocada pola covid-19, medidas de prevención de acordo coa lexislación sanitaria en vigor.
Tendo en conta isto, as catro xornadas de exames levaranse a cabo baixo un protocolo de seguridade sanitaria para protexer a saúde tanto de examinados como de persoal a cargo da organización e realización das probas.
A Xunta tamén recorda que as persoas que presenten síntomas compatibles coa covid-19, as que fosen diagnosticadas coa enfermidade e non finalizasen o período de illamento requirido ou as que se encontren en período de corentena domiciliaria non poderán acudir á proba Así mesmo, non se permitirá a entrada nas sedes de acompañantes ou persoas alleas ás probas, agás no caso daquelas inscritas que precisen asistencia.