Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

“Ría de Ribadeo” ou “Ría do Eo”? A disputa polos topónimos que enfronta a Lugo e Asturias

A cooficialidade dos topónimos Ría de Ribadeo e Ría do Eo ten, polo de agora, o seu fin, despois de que o Ministerio de Transportes, Mobildiade e Axenda Urbana anulase unha resolución do Instituto Xeográfico Nacional (IXN) que fixaba a cooficialidade dos dous nomes. Así o fixo saber o pasado 27 de maio a portavoz da Deputación de Lugo, Pilar García Porto, quen comunicou que a forma galega Ría de Ribadeo se impón sobre a forma asturiana.

Esta decisión veu motivada polas alegacións por parte do goberno lucense ante a resolución que a Dirección Xeral do Instituto Xeográfico ditou o pasado mes de outubro, fixando a cooficialidade dos dous topónimos, como sinalan dende Nós Diario. “Isto significa que se avala a postura e os argumentos que expuxemos no seu día a Deputación de Lugo, no recurso de alzada que presentamos”, afirmou García Porto.

Pero, de onde vén a loita polos topónimos? A proposta de nomear o lugar como Ría de Eo partiu do goberno de Asturias, apoiándose en documentos de 1871 no que a ría está recollida co nome de Ría del Eo. Ante isto, o IXN aceptou nun primeiro momento a cooficialidade.

Porén, dende o Consello da Cultura Galega (CCG) tamén expuxeron os seus argumentos, defendendo que “Ría de Ribadeo é a forma que avalan a documentación e a cartografía históricas ao longo dos séculos”, unha información que foi avalada por un informe da Universidade de Santiago de Compostela.

Pola súa banda, como se recolle no Xornal da Mariña, o alcalde de ribadeo, Fernando Suárez, valorou de maneira positiva a decisión do Ministerio de Transportes. “Houbo unha chea de argumentos históricos, científicos, académicos, de razón e de dereiro, para que o nome da ría é o que é e o que foi. A Ría é de todos e todas, une e non separa, pero leva o nome do resto das rías galegas e do Cantábrico en xeral, que é o nome da poboación máis importante ao longo da historia”, subliñou o rexedor.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.