Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Queremos Galego inicia unha recollida de 10.000 sinaturas para levar ao Parlamento unha nova lei sobre o uso do galego

A plataforma Queremos Galego iniciou este mércores a recollida de sinaturas da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) ‘Lingua Vital’, unha proposta normativa elaborada coa participación de centos de organizacións e entidades sociais que busca garantir o uso e a presenza do galego en todos os ámbitos da sociedade. A campaña ten como obxectivo reunir 10.000 sinaturas, o mínimo necesario para que o texto poida ser debatido no Parlamento de Galicia.

A iniciativa parte dun proceso de traballo desenvolvido durante os últimos meses por colectivos de diferentes sectores, que procuraron consensuar unha proposta lexislativa destinada a reforzar os dereitos lingüísticos. Entre as súas principais medidas figuran a modificación ou derrogación das normas que limitan o uso do galego, incluído o decreto do plurilingüismo no ensino, así como a ampliación da súa presenza nos servizos públicos, no comercio, na cultura e nos medios de comunicación.

Durante a presentación da campaña, o portavoz de Queremos Galego, Marcos Maceira, advertiu da situación que atravesa o idioma e defendeu a necesidade dunha resposta conxunta das institucións e da sociedade. “O galego está en emerxencia, mais a situación pode reverterse”, afirmou, ao tempo que sinalou a importancia de garantir o seu uso en todos os espazos.

Maceira explicou que a proposta pretende facilitar tanto a continuidade no uso da lingua entre as persoas galegofalantes como a incorporación de novos falantes, independentemente da súa procedencia. “Precisamos unha lei que asegure que quen xa fala galego poida facelo sempre”, manifestou, e engadiu que tamén debe permitir “que quen queira sumarse, nacese onde nacese, poida facelo sen obstáculos e sen límites”.

Un dos principais eixos da ILP é o reforzo do galego no sistema educativo, onde a proposta defende que o idioma sexa lingua vehicular, de acollida e de integración. Para iso, contempla a derrogación do actual decreto do plurilingüismo, ademais da revisión doutras disposicións que, segundo as entidades promotoras, dificultan a normalización lingüística.

A iniciativa tamén recolle medidas destinadas a garantir a atención e o uso do galego na sanidade, na Administración pública, na xustiza e nos establecementos comerciais. O obxectivo é que a cidadanía poida empregar a lingua nas súas relacións cotiás e dispoña dunha oferta de produtos e servizos neste idioma.

No ámbito cultural, o texto propón reforzar a presenza do galego na produción audiovisual, nos medios de comunicación e nas diferentes manifestacións artísticas. Ademais, incorpora reivindicacións relacionadas coa proxección internacional da lingua, entre elas o recoñecemento da súa oficialidade na Unión Europea e o impulso das relacións co espazo da lusofonía.

Santiago e Moaña debaterán a proposta este xoves

Paralelamente á recollida de sinaturas, a iniciativa comezou o seu percorrido polas corporacións municipais. Os concellos de Pontevedra e Brión xa aprobaron iniciativas de apoio á ILP, cos votos favorables dos grupos municipais do BNG e do PSOE, que asumiron a súa presentación nos respectivos plenos.

A proposta chegará este xoves 29 de outubro aos plenos municipais de Santiago de Compostela e Moaña. No caso da capital galega, será presentada a través do BNG, Compostela Aberta e o grupo non adscrito.

Desde Queremos Galego destacan a importancia do respaldo das administracións locais para dar a coñecer a iniciativa e ampliar a participación cidadá durante o proceso de recollida de sinaturas.

A plataforma habilitou a páxina web linguavital.gal, na que as persoas interesadas poden consultar os puntos habilitados e as datas previstas para as próximas recollidas. Unha vez acadados os apoios necesarios e cumpridos os requisitos de tramitación, a proposta poderá continuar o seu percorrido parlamentario.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.