Michel chegou a Galicia hai máis de tres décadas. Natural de Bélxica, decidiu instalarse na comunidade cando o seu fillo aínda era pequeno. “O meu fillo xa ten 33 anos, así que fai máis de 30 que vivo aquí”, explica. Durante todo este tempo, a súa relación coa lingua galega foi medrando pouco a pouco, de maneira práctica e intuitiva: “Aprendín o galego sobre a marcha, falando coa xente, lendo, escoitando a radio…”.
Con todo, recoñece que non sempre foi doado. “Hai estruturas que son complexas, como o uso dos pronomes. Escoitalos na fala cotiá non sempre axuda a entender como se usan”, di. Foi por iso que decidiu participar nun curso con Bernardo Penabade, que actualmente creou unha comunidade de neofalantes na Mariña, onde puido afondar nas estruturas gramaticais da lingua.
Da Coruña a Mondoñedo: diferentes realidades lingüísticas
Michel viviu durante 27 anos na cidade da Coruña, e alí notou unha importante diferenza respecto do uso da lingua: “Alí era moi complicado practicar galego. Cando a xente escoita que es estranxeiro, pásase automaticamente ao castelán”. Esta realidade contrasta coa súa experiencia actual no lugo de Vigo, en Mondoñedo, onde afirma que “un 90% da xente fala galego” e destaca especialmente o tempo que traballou en Lourenzá, onde “falaba galego durante oito horas seguidas cada día”.
Aínda que procura utilizar sempre o galego, Michel sinala que segue atopando barreiras: “En moitos organismos, mesmo se falas galego, respóndenche en castelán ou danche documentación en castelán”. Ante iso, confesa que lle xorde a dúbida de se o seu galego se entende ou non. Aínda así, continúa falando e recibindo, na maioría dos casos, apoio e admiración: “Moitas persoas dinme que falo mellor ca outras que son de aquí”.
No seu proceso de aprendizaxe, Michel apoiouse en libros traducidos ao galego, especialmente novelas como as de Agatha Christie. “Buscaba textos sinxelos que me permitisen avanzar, aínda que non entendese todo o vocabulario”, lembra. Con todo, sinala que ás veces atopaba traducións feitas por varias persoas, o que xeraba unha certa incoherencia lingüística nos textos.
Tamén fixo uso da radio, malia que non sempre atopou programas accesibles para a súa etapa inicial. Aínda así, insiste: “Todo iso vai quedando na cabeza. Pouco a pouco vas aprendendo”.
“Falar galego é unha forma de abrir unha xanela”
Michel cre que usar a lingua propia do lugar ao que se chega é un acto de respecto. “Cando falas galego, a xente ao principio está sorprendida, pero logo sente que se abre unha xanela. É como se pensasen: ‘este está facendo un esforzo, valora a miña lingua'”. Reivindica que os galegos, sendo bilingües, deberían seguir falando galego con quen o está aprendendo, mesmo se hai erros ou interferencias doutras linguas. “Se eu meto unha palabra doutro idioma, non pasa nada. O importante é que me falen galego, porque iso axuda moito”.
Michel reflexiona tamén sobre o papel da lingua no sistema educativo e na sociedade galega. A súa visión, influenciada polo contexto trilingüe de Bélxica (francés, neerlandés e alemán), levouno a crer que o galego debería ocupar un espazo máis central: “O castelán xa está presente por todas partes: na televisión, na radio, no cinema… Non fai falla que sexa a lingua principal no ensino”.
Neste sentido, propón unha reorganización do ensino na que o galego sexa a lingua vehicular, mentres o castelán sexa tratado como unha materia máis, ao estilo do inglés. “Tres ou catro horas á semana de castelán, e todo o demais en galego, iso si que faría unha diferenza”, asegura.
Para Michel, falar galego é moito máis que aprender un idioma. É unha ferramenta de conexión humana: “Non se trata só da lingua, trátase de atopar o humano nas persoas. E a lingua axuda a iso”. Tamén destaca que, cando un falante de fóra emprega o galego, axuda a darlle valor á lingua, especialmente nun contexto onde moitos galegofalantes teñen dúbidas ou prexuízos sobre o seu uso. “Se eu, que veño de fóra, fago o esforzo, penso que iso fai que a xente se sinta apoiada, valorada na súa identidade”, conclúe.
Michel, que comezou falando castelán tras a súa chegada a Andalucía, considera agora que a aposta polo galego foi natural, porque entende que a lingua é parte do territorio. E tamén do respecto cara a el.