Pilar Ponte, docente e impulsora do plan ’21 días co galego’
Chega o 31 de decembro, vinte e catro horas nas que reunimos présas, compras, balances e celebración, moito para un único día, non si? E inevitablemente coas badaladas e como froito dese balance veñen os desexos e bos propósitos: vou gozar máis dos amigos e da familia, vou coidar máis a alimentación, vou facer máis deporte, vou aprobar o curso… Sinto ser portadora de realismo, pero o 90% dos teus desexos non se van cumprir máis aló dos tres meses. Non vas estudar máis, non vas ir ao ximnasio, non vas ir de viaxe á Laponia nin te vas tirar en paracaídas. A vida éche así, a nosa humanidade imperfecta ofrécenos tamén marxe para o erro.
Con todo, hoxe non che traio un desexo, senón un gran propósito; un deses ben decidido, de maneira consciente e responsable, o propósito de falar galego.
Tras esta época de malas noticias xa non podes seguir mirando para outro lado agardando a que sexan outras persoas as que o salven da súa desaparición. Non podes seguir ocultándollelo aos teus fillos e fillas ou ás túas netas e netos pensando que non o van entender ou que non paga a pena que o aprendan cando sabemos que hoxe as únicas nenas e nenos realmente bilingües son os que aprenden na casa o galego porque logo xa o parque, os medios de comunicación e a escola se van encargar de que aprendan castelán e inglés.
Únete a nós, somos a lexión de galegas e galegos que queremos a nosa cultura pero non só co pensamento senón coa acción, a acción da palabra, ao mellor ao principio ata che dá máis vertixe que tirarte en paracaídas pero non tes por que preocuparte porque aí estamós para falar contigo na túa mesma lingua.
Este é un propósito global. Cando te ergas mañá tanto ten a idade que teñas, se vas ao instituto, a unha oficina ou a un centro de maiores, fala galego e verás a pequena gran diferenza.
Faino e decataraste de que a túa é unha gran decisión, non só para ti, senón tamén para a sociedade á que pertences, e comprenderás que o futuro non vén da man de seres extraordinarios senón de persoas coma Rosa Parks cando decidiu non cederlle o seu asento a un branco. pPersoas coma ti e coma min que tomamos decisións conscientes para que o mundo mellore, e iso neste recuncho noso do planeta, non significa outra cousa que manter viva a cultura á que pertencemos.
Aquí está o teu mellor propósito para 2023, fala galego.
Ánimo falantes do Aninovo!