Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Rebeca Bande: “Estou orgullosa de ser neofalante porque hoxe as miñas crianzas falan galego”

A ourensá Rebeca Bande (39 anos) prendeu no galego – ou o galego prendeu nela – hai case 15 anos, cando se propuxo coller o camiño do neofalantismo xunto a Nuria, a súa compañeira de piso. Dentro dela sempre aniñara unha sensibilidade especial cara á lingua e a cultura galegas, mais durante toda a súa infancia, adolescencia e etapa universitaria socializou case integramente en castelán. Cando decidiu dar o salto ao galego, Rebeca descubriu a gran capacidade magnética desta lingua: ao falalo ela, moita outra xente do seu entorno mudaba tamén para o galego nas conversas que mantiñan. Conta que o proceso foi longo, pero satisfactorio. A súa historia evidencia de que xeito o neofalantismo pode mudar a tendencia da lingua en Galicia: a súa avoa e a súa nai sempre lle falaran en castelán, pero agora as súas crianzas volven ter o galego como lingua materna. Así o conta.

Cal era a túa relación co galego antes de decidirte a falalo?

Eu son desta xeración de crianzas criadas no castelán máis absolutista, de nais e pais que sufriron a represión do galego no franquismo e de avoas que falaban galego entre elas pero que se dirixían a nós en castelán. Si que había un ambiente galego na miña familia e na miña contorna, mais eu socialicei sempre en castelán. Na escola o único contacto que tiña con el era a materia de lingua galega, e na universidade nin iso, non recibín nin unha soa aula en galego. Con todo, aínda dentro desta casuística, sempre fun unha persoa bastante sensíbel á cultura.

E en que momento comezas a dar os teus primeiros pasos en galego? Que te levou a cambiar de lingua?

En Vigo partillaba piso cunha rapaza de Ferrol, Nuria, que era educadora nunha escola infantil e falaba castelán. Un día xurdiulle a oportunidade de voltar a Ferrol porque ían abrir unha das escolas Galiña Azul, pero claro, tiña que falar galego, e iso preocupábaa. A min todo isto levoume a facer unha reflexión sobre a lingua, sobre o seu futuro… E dixen: ‘Nuria, este é o momento. Non te preocupes, que ti vas conseguir esa praza. A partir de hoxe imos falar en galego’. E así comezamos. Practicabamos xuntas ata as entrevistas de traballo! Empezamos entre nós e logo fixémolo extensible ás nosas parellas. Así, en minigrupo. Era un pouco estrano porque como en calquera transformación pasas diferentes fases.

Claro, entendo que non é algo que aconteza da noite para a mañá, non?

Non sei se haberá alguén que se deite un día sendo castelanfalante e esperte sendo galegofalante, pero creo que non é o habitual. Sempre hai un proceso de transformación, e é duro. Logo de 25 anos relacionándonos en todos os ámbitos en castelán, de súpeto mudar de lingua resulta difícil. Pero eu estoulle eternamente agradecida a Nuria. A día de hoxe as nosas crianzas son tamén galegofalantes e por iso estou moi orgullosa dese momento.

Supoño que hai espazos máis sinxelos e outros máis difíciles… Ti por onde comezaches a cambiar o castelán polo galego?

O máis sinxelo é empezar pola xente descoñecida, que non sabe da túa lingua anterior. Eu entraba nunha tenda e falaba galego sen problema, pero nos eidos tradicionalmente casteláns -amigas, familia, posto de traballo…- nun principio non me saía. Facíaseme moi estraño falarlle en galego á miña nai, por exemplo; entón nestes ámbitos fun pouco a pouco. Empecei pola familia. Un día dixen: ‘veña, en galego’. Foi bastante cuestión de fluír, e non houbo ninguén que me cuestionara, aínda que seguro que entre elas pensaron se se me cruzara algún cable! [risas]. Onde si tiven conflito foi nas miñas amizades do instituto, de toda a vida. Nunha chamada, así medio de broma, unha delas díxome que non lle falase en galego. E sentárame fatal! Desde aí xa avisei: ‘comunícoche que a partir de hoxe me vas escoitar falar galego todos os días da miña vida!’ [risas]. Aquel día decateime de que xa o falaba de forma natural, sen pensalo.

E no eido laboral como o viviches?

O posto de traballo – eu son empregada de banca – foi o último sitio onde introducín o galego. Tardei un pouco máis: aquí din o paso hai tres anos. É un sector complicado… Pero tamén, de súpeto, dixen: ‘ata aquí’. E decateime de que cada vez que descolgo o teléfono e digo “bo día”, moita xente do outro lado respóndeme en galego, cousa que antes non pasaba. E cando a xente se senta no meu despacho, algunhas tamén se animan a falalo. Pero ter tamén teño algunha experiencia desagradable. De feito, levo acumulados máis rexeitamentos neste último ano ca nos dous ou tres anos anteriores, desde que falo galego no traballo, cousa que me mete algo de medo e me dá que pensar… entendería que fora ao revés, significaría que estamos avanzando.

Que tipo de rexeitamentos sufriches?

Eu enténdoos como ataques á lingua. Tales como ‘mira, perdona, háblame castellano’. Outra persoa por correo electrónico díxome ‘mira, perdona, por curiosidad, ¿y tú por qué me escribes en gallego si yo en ningún momento te escribí en gallego ni he solicitado que me atiendas en ese idioma?”. Isto foi este verán pasado, eh! Eu contesteille que son galegofalante e que a non ser que a persoa que me le ou me escoita non me entenda, eu non vou cambiar de lingua. Estando en Vigo é complicado. Para min, é territorio comanche coa lingua!

Dicías antes que no traballo desde que falas galego, escoitas máis galego. No teu entorno máis achegado tamén pasa?

No grupo de amigas de toda a vida, casualmente, cando estou eu presente falan galego! Eu sempre valoro este axente galeguizador que temos e do que non somos conscientes. Pero témolo. E alédame porque moitas veces somos nós as primeiras que nos poñemos barreiras.

As túas crianzas xa foron educadas en galego desde o comezo. É difícil que se manteñan na lingua?

Si, vanse ao castelán. A escola está actuando como axente castelanizador e temos que facer moito, moito reforzo da lingua na casa. Dicirlles: ‘non mudedes, todas as crianzas vos entenden’. Pero ás veces é certo teñen que repetir as cousas ata tres veces, e claro, acaban cambiando ao castelán para evitar eses momentos incómodos. Eu como adulta aprendo moito destas cousas, e se teño que repetir noventa veces, repito, e son radical nisto porque vexo que nos queren vender a película da imposición do galego e o que hai é unha gran imposición do castelán que come con patacas o galego.

Que é o máis gratificante para ti de ter mudado de lingua e que che aportou a nivel persoal?

É unha pregunta bonita. O que máis me gratifica é poder falar, visibilizar e transmitirlle a miña lingua ás miñas crianzas, que como eu lles digo, son heroes do galego. O galego precisa das crianzas moito, de crianzas que o falen e que o sintan.

Como cres que se pode impulsar o neofalantismo entre as crianzas?

É unha pregunta que nos formulamos en moitos círculos. A situación é complexa. Creo que a administración pública ten que facelo todo, cando non está facendo nada. Dende a Xunta, Deputacións e gobernos locais a lingua non ten o apoio que debería ter. Un apoio de verdade, non catro subvencións das que ninguén se entera. Hai un problema de concienciación e hai que saber chegar ás familias, porque moitas cren na imposición do galego. Ser galegofalante, a día de hoxe, é nadar moi a contracorrente… Como concienciar? Tenlles que chegar lingua por todos os lados. Non basta con ler catro contos en galego nas escolas.

Un grupo de familias que temos crianzas 100% galegofalantes acabamos de facer uns grupos de voluntariado. A idea é quedar un día ao mes para que as crianzas de diferentes idades xoguen e socialicen en galego, e así quizais outras comecen a animarse… Son microaccións, coma os faladoiros de Vigo onde nos reunimos xente interesada pola lingua, ou como o movemento ‘Porque me peta’, que poden provocar movementos… Aínda que ao final somos as de sempre! É difícil chegar ás persoas castelanfalantes. Tamén creo que hai fenómenos en redes sociais en galego moi importantes.

Xa para rematar, Rebeca, que consello darías ás persoas que igual non se acaban de atrever a falar galego?

Eu diríalles que o único galego mal falado é o que non se fala. E que o único xeito de perderlle medo é trabucándose moito. Temos que estar orgullosas de ter unha lingua propia! A miña experiencia é súper positiva.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.