Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O “Manifesto de Soutomaior”, un berro de igualdade das autoras galegas

Rachar coa desigualdade no mundo da literatura galega e na Real Academia galega. Ese é o chamado realizado por un grupo de mulleres, autoras e editoras galegas xunto á presidenta da Deputación Carmela Silva e á presidenta da asociación “Clásicas y Modernas”, Fátima Anllo, para facer fronte á desigualdade no mundo literario. E fano a traves do “Manifesto de Soutomaior”, un documento no que formulan doce liñas de acción para rachar contra a desigualdade.

Entre elas atópanse esixir que se cumpra o artigo 26 do capítulo 2 da Lei de Igualdade relativo ao fomento da igualdade na creación e produción artística e intelectual e a súa difusión; reclamar paridade nos xurados dos premios literarios que se realicen en Galicia por institucións públicas e privadas e tamén nas edicións de antoloxías; esixir a inclusión obrigatoria de escritoras galegas e as súas obras nos plans de estudo de colexios, institutos e universidades galegas, así como o recoñecemento das obras de escritoras galegas e da súa traxectoria mediante premios, homenaxes, adxudicación de nomes de rúas e creación de monumentos e esculturas.

MÁIS MULLERES NA RAG E NO DÍA DAS LETRAS

Tamén piden que nos vindeiros dez anos as cadeiras que queden baleiras da Real Academia Galega sexan ocupadas por mulleres; e esixen da mesma forma que nos próximos dez anos o Día das Letras Galegas homenaxee a mulleres. As mulleres asinantes fan referencia a que soamente 6 mulleres ocupan unha das 30 cadeiras da Real Academia Galega, que en toda a historia da Real Academia Española soamente 11 mulleres foron académicas ou que só 6 mulleres foron homenaxeadas no Día das Letras Galegas fronte a 56 homes. 

O “Manifesto de Soutomaior” está asinado polas 16 mulleres e que toma como exemplo o modelo do manifesto “Seneca Falls” do século XIX e  inclúe a denuncia das diferentes situacións de desigualdade no mundo da escrita e propón todo un Plan de Acción para rachar con ela.  Foi subscrito polas escritoras Edurne Baines, Isabel Blanco, Mariana Carballal, Silvia Cernadas, Ledicia Costas, Mercedes Corbillón, Ana Figueiredo, Inma López Silva, Esperanza Mara, Silvia Penas , Aratnza Portabales, Elvira Ribeiro e Regina Vega, amais de Carmela Silva, Fátima Anllo e Victoria Alonso.

Todas coinciden en que “no mundo editorial e literario galego a situación das autoras e editoras é, aínda, desalentadora”. Tamén manifestan que as autoras obteñen menos premios que os homes, que existe unha ausencia case total de mulleres críticas literarias que ocupan espazos relevantes de opinión e que moi poucas chegan a postos de dirección e liderado nas grandes editoriais galegas ou en organismos públicos culturais.

Máis visibilización

As asinantes demandan tamén a incorporación de novos contidos curriculares en todas as etapas educativas; reclaman a participación de mulleres nas recensións críticas e incentivar a crítica literaria realizada por mulleres; fomentar a venda de libros escritos por mulleres e a visibilización de autoras e editoras coa presentacións da súa obra en espazos públicos e privados, así como revisar o canon literario de forma permanente. As asinantes do documento anunciaron a creación dun Observatorio para o seguimento das reclamacións e avaliación das medidas, e a posta en marcha dun novo encontro no próximo mes de xaneiro para definir pautas de traballo e un calendario de reunións trimestrais. Tamén se confirmou a organización dunha acción coa Asociación Clásicas e Modernas para a posta en valor da figura de María Vinyals e o que significa no ámbito de lexitimación das mulleres da cultura.

O documento, que recolle todas as reivindicacións, será remitido de forma inmediata á Xunta de Galicia, aos grupos parlamentarios e á Fegamp para que o faga chegar aos concellos galegos, así como ao sector da cultura para que sexa asinado por todas as mulleres creadoras nos diferentes eidos e os homes que se queiran sumar.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.