Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Quererse ben, de Mondra, premio á Mellor Música do Ano en Galicia

Con máis de 6.000 votos totais emitidos, pechouse o proceso de votación mediante o cal o público do certame aRi[t]mar escolleu cales foron as Mellores Músicas do pasado 2024 na Galiza e en Portugal.

No caso galego, o público acordou que Quererse ben, de Mondra, foi a Mellor Música do 2024 na Galiza. O artista, natural da parroquia de Recesende, no concello de Teo, é unha das frontes de batalla dunha das fusións musicais que con máis tino se veñen dando no panorama musical galego dos últimos anos: a da música tradicional e estilos contemporáneos coma a electrónica. “Mais non é suficiente con esta suma de factores para definir o que supón un autor, músico, cantante e bailador que tamén brilla polo seu carácter reivindicativo, transgresor e ligado á defensa da súa identidade, falemos de galeguismo, da sexualidade disidente ou da Galiza rural”, indican desde a EOI.

Mondra supón un enorme representante do que a canción galega significa neste ano 2025, e así o quixo gravar en pedra o público de aRitmar outorgándolle o Premio á Mellor Música do 2024 por unha canción, Quererse Ben, que ainda escapando da raíz, que si representa parte do traballo do teense, compón un bo exemplo dunha das diversas sonoridades que acada o artista, trazando neste caso unha balada que fala do xeito de expresar o amor e os afectos.

No caso do territorio luso, o tema elixido como Mellor Música do 2024 en Portugal é Amor de Ferro, do algarvío Diogo Piçarra e o portuense Pedro Abrunhosa. O tema supón a colaboración de dous xigantes da música contemporánea de Portugal, aínda que pertencentes a diferentes xeracións de autores. A canción, escrita por ambos os dous, mais composta por Diogo Piçarra, amosa o estilo deste último cun pop moderno que aúna texturas electrónicas e outras máis orgánicas, coma as do piano e a guitarra. A dozura do timbre de Piçarra contrasta coa gravidade de Abrunhosa na expresión, dura e dramática, dun amor que foi cousa de dúas e agora xa só parece vivir nunha metade da laranxa.

Os músicos vencedores, que ademáis do premio comparten o amor como tema vertebrador das cancións vencedoras, recollerán o premio e actuarán na gala aRi[t]mar 2025, que será celebrada no mes de outubro en Santiago de Compostela. Os artistas que acadaron o podio foron, na Galiza, Baiuca, con Barullo, en colaboración con Felisa Segade; e Hugo Guezeta, con O Noso Tempo. En Portugal, as cancións situadas no segundo e terceiro posto foron Menina Estás á Janela, de D.A.M.A. en colaboración con Vitorino, Buba Espinho e Bandidos do Cantey; e Deixou-me a mala no comboio, de Bárbara Tinoco en colaboración con Rosinha.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.