Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

O galego triunfa na Eurovisión da intelixencia artificial cun Ai-lalelo fillo da tecnoloxía

Durante catro meses as novas tecnoloxías estiveron á disposición de PAMP!, o equipo galego que se atopa detrás de Ai-lalelo, o tema que acadou o segundo posto do certame internacional AI Song Contest 2022, tamén coñecido como a Eurovisión da Intelixencia Artificial. A mestura das raíces e da modernidade namorou ao público internacional, que outorgou a mellor puntuación á candidatura galega, acadando o primeiro posto no televoto. Porén, a suma dos votos do xurado e do público fixeron que o tema Demons&Gods, do equipo tailandés Yaboi Hanoi , se proclamase gañador.

Ambos temas, o galego e o tailandés, comparten a reivindicación das culturas minorizadas, poñendo a intelixencia artificial ao servizo da lingua, da cultura e da identidade para poñer en valor o propio.

“Para nós, o principal éxito foi crear unha canción en galego a través da intelixencia artificial. Chegar á final desta Eurovisión permitiunos amosar ao mundo o talento tecnolóxico e cultural galego”, comenta o líder da iniciativa e responsable creativo da axencia compostelá CECUBO Group, Joel Cava.

A intelixencia Artificial está detrás de toda a produción, dende a composición da letras, das harmonías e instrumentos ata a creación do videoclip da canción. A partir dunha base de 450 coplas, as novas tecnoloxías puideron crear este tema, no que a tradición se mostra dunha maneira futurista, ao tempo que se escoitan características da música popular. Ai-lalelo conta a historia dunha costureira galega do s.XIX, para retratar a situación da muller na época e poñer en valor a identidade e tradición da comunidade.

Grazas a Ai-lalelo, o galego volveu romper fronteiras o pasado 6 de xullo, cando se celebrou a gala do AI Song Contest, coincidindo co Día da Intelixencia Artificial e a Creación do cume tecnolóxico Wallifornia Music & Innovation. Le Grand Post de Liège foi o espazo tecnolóxico e de emprendemento que acolleu o festival, no que participaron outras 14 candidaturas.

Cava quixo agradecer o “grande esforzo do equipo que impulsou este proxecto tecnolóxico”, que demostra como o talento galego no eido das tecnoloxías. O equipo PAMP! está formado polos profesionais Juan Alonso, Sofía Oriana, Xandre Outeiro, David Santos, Marta Verde e Joel Cava, e rende homenaxe á primeira programadora informática galega, Ana María Prieto.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.