O Validatón 2025, organizado polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e o Proxecto Nós, pechou a súa segunda edición cunha achega de 13 horas de datos de voz en galego á plataforma aberta Common Voice. En total, 10.000 fragmentos de audio foron gravados e validados durante a fase en liña, ás que se sumaron 1.920 novas frases creadas na fase presencial celebrada este xoves na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
A iniciativa, que busca mellorar a presenza do galego na tecnoloxía da fala, contou con máis de trinta participantes, principalmente estudantes da USC. Premióuse a implicación en tres categorías: Víctor Pose (gravación de voz), Álex Rodríguez Guisantes (validación) e Lucía López Lires (creación de frases). A participante con máis achegas totais, Noa Sobrino Lamas, foi recoñecida como campioa global. Os galardóns, dotados con premios en metálico, contaron co apoio de Atlantic Ponte e Imaxin Software.
O Validatón forma parte do esforzo por construír recursos públicos e accesibles para o galego na intelixencia artificial, un dos eixos centrais do Proxecto Nós, que pretende equiparar o galego coas linguas máis avanzadas tecnoloxicamente.
No caso de Common Voice, trátase dunha plataforma colaborativa e aberta, impulsada por Mozilla, que permite a calquera persoa doar a súa voz ou validar audios doutras persoas. Estes datos serven para adestrar sistemas de recoñecemento automático da fala, fundamentais para o desenvolvemento de asistentes de voz, tradutores ou axentes conversacionais que comprendan o galego.
Segundo os organizadores, a participación de estudantes universitarios non só contribúe ao corpus de voz, senón que tamén xera concienciación sobre os retos tecnolóxicos e lingüísticos, ao tempo que se recoñece como actividade formativa con un crédito ECTS.
AgasallaNós e outras vías de participación
Desde o Proxecto Nós lembran que calquera persoa pode contribuír á presenza do galego no mundo dixital a través da campaña AgasallaNós, accesible en doagalego.nos.gal. O obxectivo é recolleitar voces diversas, que representen a riqueza dialectal, de xénero e de idade da comunidade galegofalante. Esta variedade é esencial para que os sistemas automáticos recoñezan con precisión os diferentes acentos e modulacións da lingua.
Un proxecto para transformar o futuro do galego
O Proxecto Nós, promovido pola Xunta de Galicia e executado pola USC a través do ILG e do CiTIUS, está financiado polo Ministerio para la Transformación Digital y de la Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU. Ten como obxectivo xerar ferramentas, datos e servizos dixitais que empreguen o galego, garantindo os dereitos lingüísticos no mundo dixital e impulsando a innovación en empresas e institucións.
Actualmente, a web do proxecto recolle recursos de uso libre e acceso público que poden ser empregados por desenvolvedores, centros educativos, administracións ou calquera persoa interesada en incorporar o galego nas súas aplicacións ou produtos.