Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

A importancia da memoria oral: cando Galicia e o galego perviven grazas a sabedoría e lendas populares

Equipo Chaira -grupo de investigación etnográfica formado por Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa- e a veciña da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Ourense) María Fraíz Canaval (María da Vrea) veñen de ser elixidos como Mestre e Mestra da Memoria 2025 da AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega).
Estes premios recoñecen a traxectoria e labor daquelas persoas que se distinguen pola preservación e transmisión do patrimonio inmaterial da nosa literatura de tradición oral.
O acto de entrega dos galardóns que organiza a AELG terá lugar nunha gala o venres 24 de outubro no Vello Cárcere de Lugo.
O Equipo Chaira comezou a súa andaina en 1992, hai máis de trinta anos. Os integrantes, entón persoal adscrito ao Museo Provincial de Lugo, Mercedes Salvador, Ofelia Carnero, Xoán R. Cuba e Antonio Reigosa, comezaron a súa actividade co obxectivo de facer un inventario exhaustivo, o máis completo posíbel da literatura de tradición oral dos concellos da Terra Cha. Recolleron inxentes testemuños das 68 parroquias dos  concellos de Abadín, Begonte e Vilalba. O resultado daquelas campañas foron moitas horas de gravacións en cintas magnetofónicas, horas dedicadas ás transcricións que arquivamos e numerosos textos dos que chegamos a publicar unha pequena parte baixo o título Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín en 2004.
EQUIPO CHAIRA
Máis aló do proxecto Terra Cha, o Equipo Chaira seguiu o seu camiño realizando traballos de campo en varios lugares da provincia de Lugo, como é o caso do feito, este tamén intensivo, no concello da Pontenova a partir de 1996, e outros con menor alcance xeográfico en Candelos, Arroxo, na Fonsagrada, e varias sesións na Casa da Fonte de Esmeriz, en Chantada. O resultado do recompilado no concello da Pontenova editouno o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo en 1998, e reeditouno en 2004, co título Polavila na Pontenova. Lendas, contos e romances.
Centos de coplas, cancións, adiviñas ou trabalinguas que superan o milleiro adornan o percorrido vital de María da Vrea, veciña natural da parroquia de Folgoso (Cerdedo, Ourense), María Fraíz Canaval (María da Vrea), de noventa e dous anos. María naceu na casa da Vrea e lugar de Covas o 3 de agosto de 1933. A máis nova de catro irmáns, María é filla de Ramiro Fraíz Iglesias (A Insua-Castrelo) e de Xosefa Canaval Matelo (Folgoso). O seu nome de pía enféitase co chamadeiro da Vrea –locativo–, xa que a casa familiar se ergue ao pé da Vrea Vella (Verea Vella), unha ancestral vía de comunicación que atravesaba, de oeste a leste, o sur do territorio de Cerdedo (hogano, só se conservan retallos).
OS SABERES DE MARÍA DA VREA
María foi un case nada á escola. “Aprendín as catro reghras e pouco máis”, lembra, porén soletreou dende cativa un moito do catecismo do labrego, é dicir, da vida suxeita e sacrificada do agro.”O traballo do neno é pouco, e quen o desproveita é un louco”, lembra. As súas cantigas aprendeunas na unitaria de Folgoso ao coidado da mestra Manuela Cachafeiro. “Liamos esas poesías nos libros, e a min quedábanme”, di.
“Se había que atender a visita do inspector e María non estar presente, a mestra non dubidaba en ila buscar á casa, para deixar a institución docente en bo lugar. A memoria da cativa era un valor seguro”, din nun comunicado desde a AELG. A Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG está composta por Ana Acuña, Antonio Reigosa, Calros Solla, Carme Pernas Bermúdez, Cesáreo Sánchez Iglesias, Félix Castro Vicente, Lois Pérez, Xosé Manuel Varela e Xurxo Souto.

Deixe un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.