A Universidade de Vigo organiza o vindeiro martes 21 de abril a xornada ‘A IA xerativa tamén en galego. Dereitos lingüísticos e boas prácticas para a docencia tecnolóxica’, un encontro que terá lugar no edificio Redeiras, na praza do Berbés, coa finalidade de analizar o papel da intelixencia artificial no ámbito académico empregando o galego como lingua de traballo.
A actividade busca, por unha banda, explorar o potencial da IA xerativa na docencia e na investigación e, por outra, ofrecer ao profesorado ferramentas e orientacións prácticas para incorporar estas tecnoloxías ao seu labor diario, atendendo tamén á dimensión lingüística e aos dereitos asociados ao uso do galego.
O programa estrutúrase en dúas mesas redondas, nas que se abordarán diferentes aspectos relacionados coa presenza da lingua galega no ámbito tecnolóxico. A primeira delas, baixo o título ‘Recursos lingüísticos e terminolóxicos para a docencia en galego no ámbito tecnolóxico’, contará coa participación de Adina Vladu e Manuel González González, membros do centro organizador.
Nesta sesión tratarase o papel do galego nun contexto marcado polo desenvolvemento acelerado da intelixencia artificial, así como a dispoñibilidade de recursos lingüísticos e terminolóxicos que faciliten o seu uso na docencia técnica. Ademais, abrirase unha reflexión sobre os retos e as oportunidades que a IA presenta para a normalización da lingua galega en ámbitos especializados.
A xornada tamén pretende servir como espazo de intercambio de coñecemento entre profesionais do ensino e da investigación, nun momento no que a integración das tecnoloxías baseadas en IA está a transformar os procesos educativos.
A inscrición permanece aberta ata o 20 de abril e pode formalizarse a través do formulario habilitado na páxina web do evento.