Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Fene abre a matrícula para o campus lingüístico ‘Verán Máis Alá 2026’ con 130 prazas para infancia e primaria

O Concello de Fene volverá poñer en marcha este verán unha nova edición do campus lingüístico ‘Verán Máis Alá 2026’, unha iniciativa orientada a ofrecer unha alternativa de lecer educativo en lingua galega para a infancia e, ao mesmo tempo, contribuír á conciliación da vida laboral e familiar das familias do municipio.

Segundo recollen as bases reguladoras aprobadas por Resolución de Alcaldía e publicadas no Bodletín Oficial da Provincia da Coruña, o programa está destinado a alumnado escolarizado en educación infantil e primaria, nacido entre os anos 2014 e 2022, é dicir, con idades de referencia entre os 3 e os 12 anos.

O campus desenvolverase durante o mes de xullo dividido en dúas quincenas diferenciadas: do 1 ao 15 e do 16 ao 31 de xullo, coa posibilidade de participar nun só período ou durante o mes completo. A programación estrutúrase ademais en dúas franxas horarias: ‘Bos días!’, de 08.00 a 10.00 horas, e ‘Máis alá!’, de 10.00 a 14.30 horas.

A proposta inclúe actividades artísticas, xogos cooperativos e populares, actividades deportivas e excursións, cun enfoque lúdico-educativo pensado para reforzar o uso social da lingua galega durante o período estival.

O número total de prazas ofertadas será de 130, aínda que o Concello resérvase a posibilidade de reducir parte delas para programas de inserción social. As persoas interesadas poderán realizar a matrícula provisional por vía telemática, a través da sede electrónica municipal, entre o 28 de maio e o 1 de xuño, ou presencialmente no departamento de Cultura e Deportes entre o 3 e o 5 de xuño, previa solicitude de cita os días 27, 28 e 29 de maio.

No proceso de selección, terán prioridade as crianzas empadroadas en Fene ou matriculadas en centros educativos do municipio durante o curso 2025/2026. No caso de que a demanda supere a oferta de prazas, aplicarase un sistema de baremación baseado en criterios familiares e laborais, que terá en conta factores como o empadroamento, a situación laboral dos proxenitores, a existencia doutros menores na unidade familiar ou circunstancias de discapacidade.

En canto aos custos, a participación terá un prezo de 68,15 euros para o mes completo e 34,08 euros por unha quincena, con tarifas reducidas para segundos membros da mesma unidade familiar e bonificacións de ata o 50 % ou gratuidade en casos de escasa capacidade económica.

A listaxe definitiva de persoas admitidas publicarase antes do 10 de xuño, mentres que o prazo de pagamento da cota quedará fixado entre o 15 e o 19 de xuño. Ademais, o Concello convocará unha reunión informativa previa coas familias o 25 de xuño na Casa do Concello, unha cita que as bases cualifican como especialmente relevante para o correcto desenvolvemento da actividade.

Con esta nova edición, ‘Verán Máis Alá’ consolídase como unha das iniciativas municipais orientadas a fomentar espazos de socialización e aprendizaxe en galego durante as vacacións escolares, combinando servizo público, conciliación e promoción lingüística.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.