O Centro de Linguas Modernas (CLM) abriu o prazo de matrícula para os seus cursos de idiomas correspondentes ao segundo semestre do curso académico, que se impartirán entre febreiro e maio nos campus de Santiago de Compostela e Lugo. As persoas interesadas teñen ata o 31 de xaneiro para inscribirse.
Entre os idiomas ofertados nos cursos inclúese, ademais do alemán, o catalán, o francés, o italiano e o portugués, o galego para persoas non galegofalantes. Isto converte ao Centro de Linguas Modernas nunha porta ao inicio da aprendizaxe da lingua galega. Os cursos están distribuídos en diferentes niveis segundo o Marco Europeo Común de Referencia para as Linguas (MECRL). Ademais, ofértanse cursos específicos centrados no desenvolvemento de habilidades concretas, como a práctica de fala e comprensión en inglés.
As persoas que queiran iniciar unha nova lingua ou que poidan acreditar un nivel inmediatamente inferior ao desexado están exentas de realizar unha proba de nivel. Para o resto, será necesario superar este test, que pode realizarse de forma presencial ou en liña antes de formalizar a matrícula.
Para aquelas persoas de países de linguas española ou portuguesa o nivel inicial para o estudo do galego será o A2. Para aquelas persoas que xa coñezan o idioma poderán matricularse noutros niveis, ben acreditándoo a través do CLM ou facendo un test de nivel.
Condicións e recoñecemento de créditos
A asistencia regular ás clases, cunha participación mínima no 80 % das horas presenciais, e a superación tanto da avaliación continua como da final son requisitos para aprobar os cursos. As persoas que cumpran estas condicións poderán solicitar o recoñecemento de créditos ECTS, que variarán en función do nivel de idioma alcanzado.