Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

Natalia, alumna venezolana do IES Rafael Dieste: “Cando souben que aquí se falaba galego, pareceume un encanto aprendelo”

Natalia naceu en Venezuela, viviu durante anos en Colombia e chegou a Galicia hai tres anos coa súa familia. Agora é alumna de 4º da ESO no IES Rafael Dieste e participa no proxecto ‘Aquí tamén se fala’, unha iniciativa que visibiliza o uso do galego entre a mocidade e tamén entre persoas que, como ela, se achegaron á lingua desde outras traxectorias vitais.

No seu caso, o galego apareceu como unha descuberta. Natalia recoñece que, antes de chegar, non sabía que en Galicia se falaba unha lingua propia. Cando o soubo, a súa reacción foi de interese inmediato. “Sempre me gustou moito o tema das culturas e das linguas”, explica. Por iso, cando se decatou da existencia do galego, viu nel unha oportunidade para aprender algo novo e para achegarse mellor ao lugar no que estaba a vivir.

Para Natalia, aprender unha lingua non é só incorporar vocabulario ou gramática, senón tamén entender unha cultura e unha maneira de relacionarse co mundo. “Ningunha lingua deixa de aprenderse, incluso a túa propia”, afirma. Esa idea marcou a súa relación co galego: unha aprendizaxe continua, con dificultades, pero tamén cun valor persoal.

A alumna recoñece que entender o galego lle resultou máis doado que falalo. A comprensión chegou antes, mais expresarse oralmente foi un proceso máis complexo. “Entendelo non foi bastante difícil, pero falalo si”, sinala. Aínda así, decidiu continuar e incorporar a lingua ao seu día a día, tamén como unha forma de participar máis activamente na realidade que a rodea.

As reaccións que recibiu ao falar galego foron, segundo conta, maioritariamente positivas. Natalia non lembra experiencias negativas directas, aínda que si preguntas ou comentarios de sorpresa. Moitas persoas preguntáronlle por que falaba galego, mais ela non interpreta esas reaccións como algo hostil. “A maioría foron bastante boas”, resume.

No seu proceso de aprendizaxe, os libros tiveron un papel importante. Máis que outros referentes culturais como a música, o cinema ou as redes sociais, Natalia sinala a lectura como unha das vías polas que foi entrando na lingua. A través dela puido familiarizarse co galego e gañar máis seguridade.

A súa experiencia como neofalante tamén lle fixo reflexionar sobre certos prexuízos arredor do idioma. Natalia é consciente de que aínda existen persoas que cuestionan o uso do galego ou que o perciben como unha lingua pouco presente. Fronte a iso, defende que quen queira aprendelo debe facelo por vontade propia e sen deixarse frear por opinións alleas.

Por iso, cando pensa nun consello para outras persoas que están aprendendo galego ou que aínda non se animaron a falalo, teno claro: non abandonar a aprendizaxe. “Eu diríalles que non deixen de aprender”, asegura. Para ela, achegarse a novas linguas e culturas non ten só un valor académico, senón tamén humano.

“Non é só aprender unha lingua e ter algo educativo, senón crecer como persoa”, explica Natalia. Na súa opinión, aprender galego axuda tamén a desenvolver “unha mentalidade diferente” e máis aberta. Por iso anima outras persoas a dar o paso: “Que o fagan por si mesmas”.

A historia de Natalia amosa como o galego pode chegar tamén a quen vén doutros países e doutras linguas, e como a escola pode converterse nun espazo de encontro entre identidades, culturas e formas distintas de vivir o idioma. No IES Rafael Dieste, a súa participación en ‘Aquí tamén se fala’ contribúe a visibilizar unha realidade cada vez máis presente: a de mozos e mozas que, sen teren o galego como lingua inicial, deciden aprendelo, usalo e facelo tamén seu.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.