Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Manifestacións, música, exposicións… celebran as Letras Galegas por toda Galicia

A figura de Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987) e a reivindicación do galego son as protagonistas deste 17 de maio, Día das Letras Galegas. En todo o territorio galego diferentes actos celebrarán o día das Letras Galegas, e renderán homenaxe ao autor de Valdeorras. Dende música e exposicións ata manifestacións, lembrarán ao homenaxeado deste ano, así como reivindicarán o uso do galego.

 

VILAMARTÍN ACOLLE O ACTO CENTRAL DA RAG

A Aira dos Birlos, un lugar no que Florencio Delgado Gurriarán xogaba a dito xogo, como recolle no seu poema “Córgomo de Valdeorras” foi o lugar escollido pola Real Academia Galega para celebrar a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas. Vilamartín de Valdeorras acolleu o acto central da RAG, cargado de simbolismo e que contou coa visita de das fillas do escritor, Celia, Carmia e Maruxa, e os seus netos, que viñeron dende América para a ocasión.

Coa presencia da catedrática en Filoloxía Rosario Álvarez Blanco e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero, recordouse ao poeta de Valdeorras. Tamén interveu en dito acto, que tivo lugar ás 12.30h, o presidente da RAG, Víctor Freixanes. Florencio Delgado Gurriarán encarna o activismo cultural dos galegos no exilio en México, algo que se recordou en dito acto e que serviu de homenaxe ás persoas da diáspora mexicana. Máis información en Galicia Confidencial.

 

AS RÚAS DE SANTIAGO PIDEN A NORMALIZACIÓN DO GALEGO

A manifestación a prol do galego convocada pola plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela reuniu a un milleiro de persoas na mañá deste martes. Cada 17 de maio, as rúas de Compostela énchense de xente, este ano reclamando ao goberno da Xunta “liberdade” no emprego do galego en diferentes ámbitos. O presidente da Mesa Pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, puxo especial atención na educación, pedindo ao goberno compromiso “coa liberdade de uso da lingua no ensino”

A choiva e o frío non parou a manifestación, que saíu ás 12.00 dende a Alameda. O alcalde de Santiago, o socialista Xosé Sánchez Bugallo, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, e a portavoz do BNG, Ana Pontón, foron algunhas das personalidades políticas que recorreron as rúas compostelás.

Entre paraugas e baixo o tema Terra, de Tanxugueiras, e o himno de Galicia, a manifestación rematou na Praza da Quintana, reunindo de novo milleiros de voces a prol do galego despois da pandemia. Máis información en Galicia Confidencial.

 

CÓRGOMO, O BERCE DE DELGADO CURRIARÁN

Na vila do escritor tamén foron varios os actos que se celebraron para recordar ao escritor. Ás 14.00h celebrouse a “Florenciada”, unha comida popular acompañada de música. A música tamén foi a protagonista da tarde, grazas ao concerto do grupo Acordereta na Aira dos Birlos, e ás 20.00 é a quenda do teatro, coa obra “Tras os Vieiros de Florencio”, da compañía Fantoches Baj. Máis información en Galicia Confidencial.

 

UNHAS LETRAS GALEGAS ENTRE MÚSICA

O duodécimo concerto das Letras Galegas celebrouse este ano no Teatro Loureiro Olmo, no Barco de Valdeorras, onde se estreou a peza “Diásporas”. O concerto, organizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) é a antesala ao Día das Letras Galegas, repasando o legado de Florencio Delagado Gurriarán o luns 16. Con “Diásporas”, composta por Carme Rodríguez a partir dos textos de “Galicia infinda”, obra do autor de Valdeorras, lembrouse a memoria dos exiliados en México. Máis información en Galicia Confidencial.

Por outra banda, o grupo galego Escuchando Elefantes presentou unha versión de “Adiós ríos, adiós fontes”, aproveitando o Día das Letras Galegas. Amancio Prada, quen musicalizou o poema de Rosalía de Castro en 1975, colabora esta vez con Escuchando Elefantes para amosar o famoso poema da escritora galega dunha maneira diferente e máis moderna. No videoclip participan outros artistas galegos como Touriñán, Marta Larralde, Fran Lareu, Melania Cruz e Ledicia Sola amosando Galicia dunha maneira diferente e máis inclusiva. Máis información en La Vanguardia.

 

DELGADO GURRIARÁN NA UNIVERSIDADE

O Campus de Ourense uniuse á celebración das Letras Galegas a través dunha exposición, A Galicia Infinda de Florencio Delgado Gurriarán, producida por Arraianos Producións. A través de imaxes, texto e vídeos, unha exposición recorre a vida e a obra do autor de Valdeorras dunha maneira diferente, cobrando especial importancia audios do propio autor e vídeos da súa familia. Dende o venres 13, a exposición poderá visitarse na Biblioteca Rosalía de Castro. Máis información en UVigo.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.