Máis de 100 concellos galegos impartirán a partir do mes de xullo cursos de introdución á lingua e cultura galegas dirixidos á poboación non nada en Galicia. O obxectivo desta iniciativa é favorecer a súa integración, convivencia e inclusión sociocultural efectiva, segundo destacou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, durante a xornada de formación celebrada para as entidades locais que acollerán estas propostas.
O programa forma parte das medidas postas en marcha no marco do Pacto pola Lingua para fomentar o prestixio e o uso social do galego. Segundo lembrou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, esta liña de traballo xa se desenvolveu o ano pasado cun total de 105 cursos, nos que participaron 1.503 persoas procedentes de ata 39 nacionalidades.
Valentín García sinalou que a poboación chegada doutros territorios e asentada en Galicia constitúe un dos ámbitos nos que a Xunta quere reforzar a presenza da lingua. Neste sentido, explicou que se trata de poñer á súa disposición ferramentas que permitan un primeiro achegamento tanto ao idioma como ao contexto cultural galego.
“A poboación proveniente do exterior e asentada no territorio é un dos núcleos da sociedade onde poñemos o foco para incentivar a presenza da lingua, poñendo á súa disposición ferramentas para achegarse tanto a nocións de gramática básica como a contidos culturais e históricos”, indicou García.
Tras a acollida da primeira edición, o programa volverá desenvolverse desde este verán e manterase ata o primeiro semestre de 2027. A iniciativa artéllase a través da Rede de Dinamización Lingüística e mediante convenios de colaboración con entidades como Cáritas Federadas Galicia, Cáritas Diocesana Lugo e Cruz Vermella.
Os cursos estrutúranse en cinco unidades temáticas, deseñadas para acompañar o proceso de aprendizaxe dun xeito progresivo, práctico e vinculado á realidade galega. Cada unidade combina contidos de fonética, para familiarizarse cos sons do galego e mellorar a pronunciación; gramática, centrada nas estruturas básicas e máis frecuentes; léxico útil, orientado a situacións comunicativas cotiás; e materiais culturais, nos que tamén se inclúe unha aproximación á historia do galego.
A Consellería destaca que, a raíz da edición desenvolvida durante 2025, se elaboraron materiais en liña descargables que agora están dispoñibles de forma gratuíta no Portal da Lingua Galega para calquera persoa interesada en iniciar ou reforzar o seu contacto co idioma.