Ir ao contido Ir á barra lateral Ir ao pé de páxina

Dorothé Schubarth: unha homenaxe á etnomusicóloga suíza a través dos seus contos esquecidos

Entre 1978 e 1983, a etnomusicóloga suíza Dorothé Schubarth percorreu Galicia recollendo non só coplas e melodías populares, senón tamén relatos de tradición oral que quedaron fóra do seu célebre Cancioneiro popular galego. Agora, a filóloga e investigadora do Instituto da Lingua Galega (ILG) Carme Hermida Gulías rescata este material no último número de Cadernos de lingua.

No seu artigo, Hermida presenta a transcrición dunha escolma de 22 narracións populares recollidas en localidades como Pedrafita do Cebreiro, A Estrada, Cuntis e Dumbría. Estes contos están organizados por temáticas: canteiros, curas, xastres, animais, proxenitores e outros elementos da vida rural galega. O estudo destaca, ademais, o valor lingüístico e etnográfico destas historias como mostras da lingua oral e dos seus trazos dialectais.

As gravacións, realizadas entre setembro de 1978 e decembro de 1980, proveñen de narradores de distintas idades, incluíndo veciños como Carmen, de 45 anos, e Senín, de 78, de Santalla (Pedrafita); Manuel, de 85 anos, en Callobre (A Estrada); ou Manuela e María, de 64 e 70 anos respectivamente, en Cuntis.

O legado de Schubarth e Santamarina

Este traballo tamén é unha homenaxe á contribución de Dorothé Schubarth, quen escolleu Galicia e a súa lingua como “patria de adopción”, segundo destaca Hermida. En colaboración con Antón Santamarina, a investigadora suíza publicou entre 1984 e 1995 o monumental Cancioneiro popular galego, que segue sendo unha referencia no estudo do folclore galego.

A publicación do artigo en Cadernos de lingua inclúe tamén unha laudatio ao académico Antón Santamarina por parte de Francisco Fernández Rei, quen resalta a meticulosidade coa que o lingüista abordou a clasificación e transcrición do material recollido por Schubarth.

Ademais dos contos e a homenaxe a Schubarth e Santamarina, o número 41 de Cadernos de lingua aborda outros temas. Inés Veiga e Yolanda Iglesias reflexionan sobre os termos monogamia, bigamia, poligamia, poliandria e polixinia no galego e noutras linguas, propoñendo actualizacións semánticas para combater prexuízos e estereotipos. Por outra banda, Martín Luna analiza o concepto de motivación lingüística e propón unha nova clasificación baseada nas relacións entre os compoñentes do signo lingüístico.

Deixe un comentario

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.