A través da declaración Galeusca pola diversidade linguística e cultural no âmbito educativo, as Escolas de Ensino Galego Semente, xunto con Ikastolen Elkartea de Euskal-Herria e La Bressola, de Cataluña, as tres institucións uníronse en favor das linguas e dunha educación autocentrada nas realidades nacionais de cada unha das súas comunidades. A declaración foi presentada o pasado 11 de xuño no Museo do Pobo Galego, lembrando tamén o pacto solidario trinacional que se asinou por primeira vez en Barcelona no 1923.
Reivindicar o “direito à educaçom nas línguas próprias, reclamando a eliminaçom das restriçons linguísticas no âmbito educativo, por limitarem as oportunidades das futuras geraçons de galegas, bascas e catalás” é o obxectivo da declaración, tal como explicaron nunha nota asinada polas tres escolas. Ademais, tamén denunciaron o “incumprimento sistemático” da Carta Europea das Linguas Rexionais ou minoritarias por parte dos Estados español e francés. Ante isto, dende as institucións participantes piden que se preserve o patrimonio lingüístico das diferentes rexións.
Tamén quixeron remarcar a “importância da diversidade cultural como parte fundamental dos alicerces para um desenvolvimento curricular específico, favorecedor de valores interculturais e impulsor da diversidade epistemológica no Planeta”
No acto de presentación, o coordinador das Escolas Semente, Santiago Quiroga, chamou á “organización popular” para “galeguizar o ensino público”, poñendo de exemplo os bos resultados das mobilizacións que conseguiron manter a materia de Xeografía e Historia de Galicia no ensino secundario. Como recolle o Portal Galego da Língua, Quiroga tamén reivindicou unha “escola humanística e emancipadora”.
No Museo do Pobo Galego tamén estiveron presentes representantes das entidades vasca e catalana. O lehendakari de Ikastolen Elkartea, Koldo Tellitu, e a Diretora Geral de La Bressola, Eva Bertrana, participaron no acto, presentado polo escritor galego Séchu e que contou co acompañamento musical de Guadi Galego, que pechou a xornada cun canto á liberdade e á diversidade lingüística peninsular. Un xantar popular na escola Semente, e unha palestra moderada por Uxía Bolanho sobre a normalización das linguas minorizadas sumáronse á programación do día. Máis información en Galicia Confidencial.