A través do Portal das Palabras, está aberta a votación da que será, entre as seis verbas finalistas, a Palabra do Ano 2024. Estas, escollidas por marcar a actualidade de distinta maneira nos últimos meses así como por supoñer unha ollada de ilusión cara o vindeiro ano, son ‘aparvar(se)’, ‘cantareira’, ‘dina’, ’emerxencia climática’, ‘fala’ e ‘meu’/’miña’.
A votación telemática estará aberta ata o 25 de decembro ás 23:59 horas. Logo de que as mans dos membros da Real Academia Galega fixesen a primera recollida, tócalle ás galegas e galegos a elección final do vocábulo que marcará a anualidade presente. O cambio climático, xunto coas súas catástrofes, así como a reivindicación da fala propia ante anglicismos (remarcando ‘meu’ ante ‘bro’) son o espello, feito sonoridade, deste 2024.
📣 Aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala ou meu? Cal debe ser para vós a Palabra do Ano 2024?🗳️Xa podedes votar pola vosa favorita en https://t.co/LgHrORDeZc. Participade e difundide!https://t.co/Ask3raw4m9@FundacionBarrie @PortalPalabras
— Real Academia Galega (@AcademiaGalega) December 11, 2024
O recoñecemento de forma anual dunha verba entre a institución e a poboación galega vén do 2014, sendo ‘corrupción’ a que estreou a nomenclatura. A esta seguírona ‘refuxiado, -a’ (2015), ‘irmandade’ (2016), ‘afouteza’ (2017), ‘deseucaliptización’ (2018), ‘sentidiño’ (2019), ‘nós’ (2020), ‘tanxugueiras’ (2021), ‘comadre’ (2022) e ‘cibercarracho’ (2023).