Skip to content Skip to sidebar Skip to footer

A USC reúne universidade e empresas para impulsar a intelixencia artificial en galego

A Universidade de Santiago de Compostela acolleu este mércores o Foro ALIA de Tecnoloxías da Linguaxe e Industria, unha iniciativa promovida polo Proxecto Nós no marco de ALIA que busca reforzar a colaboración entre o ámbito académico, a investigación e o tecido empresarial arredor das tecnoloxías lingüísticas baseadas en intelixencia artificial.

O encontro, celebrado no Centro de Estudos Avanzados da USC, serviu para presentar o estado dos recursos desenvolvidos dentro do ecosistema ALIA e para explorar novas vías de cooperación entre universidade e empresa. A xornada reafirma este foro como un espazo orientado á transferencia de coñecemento, á innovación empresarial e á incorporación do galego nos novos desenvolvementos dixitais.

ALIA é un proxecto impulsado polo Goberno de España para crear unha infraestrutura pública de recursos de intelixencia artificial, con especial atención ás linguas oficiais do Estado. A iniciativa preséntase cunha aposta pola IA aberta, confiable e orientada ao ben común, así como polo desenvolvemento de ferramentas que permitan situar estas linguas nunha posición de maior presenza no ámbito dixital.

O director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC, Senén Barro, destacou durante o foro que “ALIA busca situar as linguas de España á altura das máis desenvolvidas e usadas no mundo dixital e na súa economía e nós somos os encargados de facer que o galego brille especialmente aí, coa colaboración indispensable das empresas, que son á vez beneficiarias e benfeitoras neste proxecto”.

Na mesma liña, a directora do Instituto da Lingua Galega, Elisa Fernández Rei, subliñou o valor da cooperación entre institucións, investigación e sector privado. “ALIA é moito máis ca un conxunto de recursos lingüísticos, é a demostración de que a colaboración público-privada pode poñer a Galicia na vangarda das tecnoloxías da linguaxe”, afirmou. Fernández Rei engadiu que “entre todas e todos estamos a construír unha infraestrutura dixital para o galego imprescindible para garantir os dereitos lingüísticos de toda a cidadanía”.

Un dos puntos centrais da xornada foi a presentación dos novos recursos do ecosistema ALIA, entre eles o ALIA Kit, unha colección aberta de modelos, conxuntos de datos, ferramentas e demostradores pensados para facilitar o desenvolvemento de aplicacións e servizos de intelixencia artificial nas linguas do Estado. Estes materiais están dispoñibles en aberto para que poidan ser empregados por administracións públicas, empresas, organizacións e equipos de investigación nos seus propios proxectos.

Os recursos presentados foron desenvolvidos no marco do Plan Nacional de Tecnoloxías da Linguaxe da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial. A súa posta a disposición pública pretende facilitar que os avances en tecnoloxías da linguaxe cheguen a contornas reais de uso, tanto no eido institucional como no empresarial ou investigador.

Primeiros casos de uso empresarial

O foro tamén permitiu coñecer os primeiros resultados da chamada á colaboración público-privada impulsada polo Proxecto ALIA-Nós. Esta convocatoria naceu co obxectivo de promover a aplicación práctica dos recursos lingüísticos e tecnolóxicos desenvolvidos nos últimos anos a través de iniciativas como Nós, ILENIA ou o propio ALIA.

As propostas seleccionadas céntranse no uso de modelos de linguaxe, sistemas de tradución automática e tecnoloxías da fala en contornas empresariais reais. Ao mesmo tempo, estes proxectos contribúen a reforzar a presenza do galego en novos servizos dixitais e aplicacións baseadas en intelixencia artificial.

Entre os casos presentados figura VERA, unha plataforma desenvolvida por Imaxin para a avaliación avanzada de sistemas de tradución automática. A ferramenta combina metodoloxías de avaliación humana e métricas automáticas para analizar o funcionamento dos modelos lingüísticos. O seu obxectivo é facilitar a mellora continua dos sistemas de tradución e contribuír ao fortalecemento do ecosistema tecnolóxico arredor do galego e doutras linguas do Estado.

Pola súa parte, OSIX Tech Development presentou unha plataforma de avaliación automática de textos escritos e exposicións orais en galego asistida por intelixencia artificial. A ferramenta permite analizar tanto a corrección lingüística como a adecuación temática dos contidos. Ademais, incorpora funcionalidades de transcrición automática, avaliación multimodal e xestión de dominios de coñecemento especializados.

Outro dos proxectos presentados foi o desenvolvido por Dimensiona Consultoría Tecnolóxica S.L., centrado na creación dun asistente virtual intelixente en galego para facilitar o acceso da cidadanía á información pública. A solución combina sistemas de recuperación avanzada de información, modelos de linguaxe e tecnoloxías de recoñecemento e síntese de voz baseadas nos recursos do Proxecto Nós. Deste xeito, permite unha interacción natural tanto por texto como por fala.

O Proxecto Nós e a presenza dixital do galego

O Proxecto Nós é unha iniciativa orientada a situar o galego entre as linguas con maior desenvolvemento no ámbito das tecnoloxías da linguaxe e da intelixencia artificial. O seu obxectivo principal é crear os recursos necesarios para facilitar o desenvolvemento de servizos e produtos como asistentes de voz, tradutores automáticos, sistemas de transcrición ou axentes conversacionais.

Ademais da creación destes recursos, o proxecto busca incrementar a presenza dixital do galego mediante ferramentas de alta calidade e de uso libre. Entre os recursos xa accesibles figuran un tradutor neuronal multilingüe, un recoñecedor de voz que converte fala en texto escrito, unha aplicación de síntese de voz capaz de ler en galego e un chatbot galego. Todas estas ferramentas están dispoñibles para persoas, institucións, organizacións ou empresas que queiran desenvolver produtos tecnolóxicos, aplicacións ou servizos que incorporen a lingua galega.

Desde esta perspectiva, o Proxecto Nós vincula a promoción do galego no ámbito dixital coa modernización do ecosistema empresarial. A dispoñibilidade de recursos lingüísticos abertos permite avanzar na garantía dos dereitos lingüísticos da comunidade galegofalante e, ao mesmo tempo, facilita a creación de novos produtos e servizos dixitais nos que o galego poida estar presente.

O Proxecto Nós é unha iniciativa da Xunta de Galicia, que encargou a súa execución á USC a través de dúas entidades de investigación especializadas en tecnoloxías da linguaxe e intelixencia artificial: o Instituto da Lingua Galega e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes. Anteriormente contou co financiamento do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública con fondos da Unión Europea-NextGenerationEU, no marco do proxecto ILENIA, e agora intégrase no proxecto ALIA.

Leave a comment

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.