Bran Barral Buceta, profesor da Facultade de Ciencias Políticas e Sociais da USC e pertencente á área de Socioloxía, reflexiona connosco sobre o uso do galego no ámbito universitario. Para el, impartir docencia nesta lingua “potencia ou posibilita que máis xente entenda que iso é posible e que é real”.
O docente considera que empregar o galego nas aulas supón non ceder espazos de influencia lingüística. “Na medida na que deixamos que estes espazos se convertan en castelanfalantes, perdemos un espazo de transmisión da lingua”, advertiu.
Segundo a súa experiencia, o alumnado adoita acoller con normalidade que as clases se impartan en galego, mesmo cando se trata de estudantes doutras comunidades ou países. Como exemplo, relatou o caso de dúas alumnas de Colombia que, malia non dominar a lingua e ter a posibilidade de cambiarse de grupo con outra profesora, preferiron manterse na súa aula polas características da docencia. “Importoulles menos o idioma ca o estilo de ensino”, apuntou, destacando tamén o seu esforzo por facilitar materiais en castelán ou recomendar tradutores para aquelas persoas con dificultades co galego.
Con todo, recoñece que as dificultades para acceder a materiais e recursos en galego son reais. “O doado é atopar recursos en calquera outro idioma”, sinalou, facendo fincapé na diferenza de produción científica entre linguas e nas limitacións á hora de atopar publicacións útiles para a docencia ou investigación en galego. “Estamos nunha paradoxa: ás veces hai alumnado que prefire textos en inglés antes que en galego, simplemente por falta de hábito”, comentou.
Tamén puxo o foco na desigual implantación da lingua galega segundo as titulacións, especialmente entre as ramas humanísticas e as científicas. “En medicina ou económicas é todo en castelán”, explicou. Na súa opinión, isto responde tanto a factores culturais e herdados nos centros, como a dinámicas organizativas pouco proclives ao cambio.
Barral foi especialmente crítico coa falta de incentivos que favorezan o uso da lingua. “Publicar en galego penaliza curricularmente. Se se nos primase, non sería un plus: situaríanos no mesmo nivel”, afirmou, en referencia á menor valoración académica das revistas galegas respecto das publicadas en castelán ou inglés.
Por iso, reclama que as institucións universitarias, ministerios e consellarías faciliten a traducción e difusión de contidos. Tamén aposta por incluír o uso do galego como criterio nas convocatorias de investigación. “A universidade debe entender que ocupa unha posición de poder, e debe usar ese status para dinamizar o idioma”, subliñou.
A súa proposta pasa por un modelo de difusión multilingüe, no que a lingua propia se comparta sen perder visibilidade científica. “O óptimo sería que unha publicación saíse en galego e se traducise tamén ao castelán e ao inglés. Así combinamos compromiso co idioma e difusión internacional”.
Bran Barral reflexionou tamén sobre a necesidade de repensar o papel da universidade na transmisión de valores e identidades: “Somos un colectivo con moita capacidade de poñer en valor formas de ser, de comportarse e de pensar. E iso tamén inclúe o idioma”.